Opinión

Que igualdade?

Preguntámonos a que igualdade se refire Feixoo. Toda palabra pode ter diversos significados. O sentido e a función cambian segundo a situación. Non hai un significado unívoco. Hai que contextualizalas para lle dar un sentido real, non enganoso, falso. Historicamente, igualdade foi unha palabra fascinante. Universalizar a igualdade é unha das teimas da humanidade. E dende a primeira Declaración de Dereitos do Home e o Cidadán, aprobada o 14 de xullo de 1793 pola Convención Nacional en París, foi fundamento das outras Declaracións de Dereitos Humanos. Mais a súa universalidade quedou en suspenso.

Naquel tempo os dereitos foron para homes-varóns, brancos, cidadáns-censados (propietarios) e occidentais. Deixou fóra mulleres, clases populares, a media humanidade. As esquerdas falamos de igualdade e reciprocidade, respectuosa coas diferenzas, de igualdade social, que vai unida ao ensino, á sanidade, aos servizos sociais. Dereitos para todos e todas. Como unha obriga do Estado. É o público contra o privado.

Cando as dereitas falan de igualdade, falan de uniformidade, dunha unidade homoxénea, indiferente ás diferenzas. De centralismo dende Madrid para nós. Un imposto de patrimonio non pode ser igual para ricos que para traballadores. O PP de Galiza reduce o 50% o imposto de patrimonio ás rendas altas.

Da igualdade dos dereitos de Feixoo e Rueda, sabemos moito na Galiza. Nos 15 anos, 2009-2023, do goberno do PP, Feixoo non pediu transferir ningunha competencia: 35 pendentes, 30 propias do Estatuto. A Galiza gobernada por Feixoo e Rueda é exemplo de desigualdade coas outras nacións do Estado. É patente o apoio incondicional á privatización dos servizos que deben ser públicos: no ensino, na sanidade, nos centros de día... A industria perdeu 42.000 postos dende 2009.

A débeda do goberno galego co Estado é de 9.562 millóns e parte do financiamento é público-privado para beneficio da banca. E critican o acordo BNG-PSOE para condonar o 20% da débeda pública igual que Cataluña. Un novo engano da súa igualdade é o intento falido de unificar a ABAU, eliminando diferenzas culturais e lingüísticas no caso galego.

A igualdade de Feixoo significa desigualdade social e significa privatizacións. Politicamente significa centralismo uniformizador.

Comentarios