Opinión

Entre o popular e o populismo

Di Castelao: "Non creo na Hestoria. [...] Pero hai algo que xa eisistía e que os galegos debemos respetar: a verdadeira e auténtica tradición […]aquela enerxía étnica que vive nos limos da nosa conciencia nacional [...] que vive no instinto do noso pobo. A tradición non é Hestoria […] é o idioma, a cultura, o xeito de vida, a predisposición psicolóxica […] as ánimas sen nome, crearon o idioma, a cultura, a arte, a sabedoría, os usos e costumes; en fin, o feito diferencial de Galiza […] as ánimas sen nome custodian a tradición e darannos continuidade na Hestoria [...]. Son o pobo", Alba de Gloria. 

Identificamos popular co que crearon as clases traballadoras galegas. As clases que conforman polo seu traballo e produción o compoñente popular da Galiza. As e os nacionalistas galegos sabemos o que significa identidade galega baseada nunha forma de produción e vivencia coas características propias da identidade galega: é a nosa comprensión do que é popular, que segue a ser, malia a explotación colonial e da nosa realidade cada vez máis ameazada por unha globalización neocapitalista destrutora da riqueza e das posibilidades de desenvolvemento do noso país. Con un ameazante poder dixital e redes sociais mal utilizadas que uniformizan. 

A esperanza é que posuímos unha realidade plural e rica, asumida e encarnada en numerosas asociacións, grupos organizados, persoas conscientes, un gran sindicato e unha formación política patriótica. Eles defenden o ben público galego, a súa idiosincrasia, fronte a un populismo protagonizado hoxe polos partidos españois e as súas delegacións territoriais. 

Vivimos inmersos no chamado populismo político. É o uso constante da mentira e da falsidade, non ó servizo dun ben público, senón dos intereses espoliadores do gran capital e servidores. Existe unha falta de transparencia nas actuacións públicas e unha chamada permanente a actitudes sentimentaloides, falsificadora contra os diferentes, por exemplo, os inmigrantes co fin de gañar o voto cidadán. 

É unha corrupción en todos os ámbitos que maleduca a sociedade que ve na política exclusivamente unha saída persoal e de lucro, cunha perda total de valores democráticos. Digamos: Viva Galiza ceibe e popular!

Comentarios