Opinión

Unha obrigada aclaración

P ertenzo a unha xeración que estudou moito latín e, se eras de "letras", moito grego. Son de "letras" e tiven unha e uns extraordinarios mestres do mundo grego e da súa lingua. Millán e Leónides de Carlo, en Vigo, Agustín García Calvo e Emilio Lledò, en Madrid. Por iso o grego foi sempre un idioma que me atrapou e axudou a comprender moito do que sucede no noso mundo, sobre todo, no mundo occidental.

Escribo esta aclaración porque ao mudar a miña colaboración con Nós pedíronme dúas palabras referidas a miña biografía e elixín "filósofa e política". Moi pretensiosa a miña elección!!! Por esta razón quero explicar desde a filosofía grega que significado teñen estes termos. Filósofa/filósofo é quen aspira a busca permanente da autenticidade, non é un sabio ou sabia. Non. É aquel ou aquela que busca, esculca, indaga na realidade. É, pois, unha actitude vital non un estado finalista de quen sabe algo (ou cre saber algo).

Política/político, desde a filosofía grega, é quen forma parte dunha sociedade, dunha comunidade cívica, rexida por valores, racionalidade e acordo sobre as leis. Polis-ico. Se descompoñemos o termo temos dúas palabras: polis, cidade, comunidade cívica, e o sufixo ico, que significa habitante da polis. Político e política somos todos, somos todas, conscientes ou non desta pertenza. Porque todos somos "animais sociais". O termo está desgastado polo mal uso pero todos formamos parte dunha sociedade. Todos somos "habitantes da polis". Pero hai, para os gregos, outra importantísima característica que nos diferencia dos outros animais: é a palabra, para manifestar o xusto e o inxusto, o bo e o malo. Ademais, para ser cidadán hai que participar no goberno da polis. Importante é que sexamos conscientes de onde somos parte.

Retornando á terra, a Galiza, a identificación coa sociedade cívica, coa fala, coa lingua galega e a participación no traballo en común pola conquista da xustiza é algo obrigado.

Un compañeiro, Cesar Varela, deunos unha sinxela explicación ao se preguntar que lle aportou a el o nacionalismo. O compañeiro respondeu que o nacionalismo ensinoulle a saber quen somos, onde estás, a onde vas e de onde vés, quen nos ataca e quen nos defende.

Comentarios