Opinión

Por unha nova Galeusca

A realidade imponse de moi diferentes maneiras. As eleccións xerais do 23 de xullo evidenciaron que o bipartidismo PP-PSOE perdeu forza e protagonismo. É necesario contar co que eles chaman "periféricos", cos soberanistas, de maneira que se ben por aritmética parlamentar non dan os números para gobernar sen contar coas nacións sen Estado, a realidade non se admite. 

A situación obriga o PSOE. Por el é posíbel repensar o proxecto político territorial. O PP instalado nunha cruzada españolista, acompañado do ultradereitista Vox, nega a mínima posibilidade de negociación sobre política territorial. Aínda que, curiosamente, falan de pedir conversas con Junts per Catalunya. Non sería a primeira vez que o PP, naquela ocasión con José María Aznar, pactase cos cataláns da antiga Convergència i Unió de Jordi Pujol, hoxe chamada Junts, concedéndolles importantes cesións en 1996.

A historia é importante para comprender como o PP entende a plurinacionalidade do Estado segundo a súa conveniencia e necesidade para gobernar. Agora ben, hoxe, cunha confrontación extrema entre PP e PSOE, Alberto Núñez Feixoo errou ao centrar contra Pedro Sánchez un monopolitismo negacionista baseado na "sagrada unión de la patria española", asimilado na súa posición os principios ideolóxicos Vox.  

A reedición do texto icónico Problemática nacional e colonialismo. O caso galego, elaborado por Francisco Rodríguez e Ramón López Suevos en 1978, volve recordarnos que nos difíciles anos 70 e 80 do século pasado, nun contexto no que a proposta política do MNPG era a ruptura democrática, feito que non se deu, e dun pacto federal como paso a un Estado posíbel diferente.

O programa era claramente soberanista: control dos recursos financeiros, nacionalización dos medios de produción, reforma agraria e pesqueira, industrialización racional do país e planificación da vida cultural e social. Recollíase todo isto no texto Bases Constitucionais da Nación Galega para un Pacto Federal.

Mais non houbo ruptura, senón continuísmo das estruturas franquistas no funcionariado, na policía, no poder económico e no xudicial. As formas cambiaron mais as estruturas profundas continuaron. Hoxe pode ser o tempo de volver propor unha nova reestruturación política territorial dende o respecto a soberanía das nacións sen Estado.

Comentarios