Opinión

Lembranza de Fr. Martín Sarmiento no 250 aniversario da súa morte

Fr. M. Sarmiento e Fr. B. G. Feijoo son dous beneditinos defensores da igualdade das mulleres no s. XVIII.

O 7 de decembro de 1772 morre en Madrid aos 77 anos Fr. M. Sarmiento, cuxo nome é Pedro José García de Serage López de Figueroa Gosende e pola nai Balboa Sarmiento Quiroga, quen tomando os hábitos aos 15 anos adopta o patronímico da nai Sarmiento. É un dos máis importantes pensadores da ilustración galega e española. Fanse 250 anos da súa morte e Xosé Luis Pensado, o máis importante estudoso da obra de Sarmiento, denunciaba "despois de dous séculos da súa morte non dispoñemos dunha exacta descrición e relación crítica da súa obra".

Pensamos que aos 250 anos este labor continua pendente, mais alá das promesas feitas pola Xunta da Galiza e colaboradores no ano 2002 dedicado á figura de Fr. Martín Sarmiento. Esta é unha das razóns de que as súas aportacións sobre a lingua e cultura galegas, sobre a botánica, a pedagoxía, as mulleres ou o dereito penal non se coñezan. Porque é o primeiro abolicionista da pena de morte (1762-1764), substituída polo desterro a lugares desertos, antes que Beccaría, como teño demostrado (Xerais 1993), Fr. Martín segue a ser descoñecido polas xentes para as que o noso pensador escribiu: o pobo galego, a pesar da súa "elevación aos altares polos adoradores formais".

Pois ben, con motivo desta data quero renderlle unha breve homenaxe recordando as súas palabras nun tema tan de actualidade como o da igualdade das mulleres. Estas palabras centrarémolas na única obra que publicou en vida, por encargo da orde, para defender os escritos de Feixoo. Esta obra é: Demonstración Critico-Apologetica del Teatro Crítico Universal (TCU) de Fr. Benito Gerónimo Feijoo. Dous tomos, 1732, nós citamos por cuarta edición 1787. Como non hai mellor homenaxe que lelo, reproducimos algunhas palabras.

Fr. M. Sarmiento e Fr. B. G. Feijoo son dous beneditinos defensores da igualdade das mulleres no s. XVIII. Século de luces e dereitos, mais non para as mulleres, que novamente serán irracionalizadas por filósofos como Locke, Rousseau e Kant. Feixoo no tomo 1 no discurso XVI do TCU escribe "a alma non é varón nin femia…" e di que "a educación é o instrumento preciso para alcanzar a igualdade". Sarmiento na Demonstración sostén "defecto da educación é o considerar inferiores as mulleres… se a educación mudase, serían os homes afeminados e as mulleres varonís, exemplo os Laches de Granada". Continúa: "En ningún asunto se atopan máis erros de entendemento nin máis cegueira de vontade que en asunto de mulleres…". Afirma que non serán os homes, senón as mesmas mulleres, as que protagonizarán as súas loitas e reconquistarán a súa liberación.

Para el, as bruxas ou meigas (contrariamente á súa relixión) son menciñeiras naturais, que coñecen a natureza e saben aplicala para curarmos cos seus remedios. Debemos recoller a súa sabedoría.

Para Fr. Martín, as mulleres son iguais no moral, no físico e no intelectual, incluso dedica 40 páxinas desta obra (da 210-253) para falar da prudencia e capacidade política das mulleres que gobernan soas os seus pobos. Ten un discurso de grande erudición sobre as Amazonas como dirixentes dos seus pobos sen colaboración dos homes "hai un corpo formidable de mulleres belicosas en Asia… aparecen Amazonas noutras partes; América, África, Europa; en América descubríronas os españois e por iso lle deron o nome ao río Amazonas...".

Para reiterar esta idea, aínda que non fose certa, di Sarmiento "por último, poderase dicir en favor das mulleres que nin aínda a ficción chegou a colocar en País ou Nación separada algunha provincia composta só de homes, que vivisen abstraídos do comercio das mulleres…" . Para el, en masculino e feminino, a sabedoría reside nos nenos e nenas, vellos e vellas, rústicos e rústicas, é dicir, no que o seu século considera "iliteratos". Para o noso autor son fonte de sabedoría natural por non estar contaminados dun saber enganoso. É a tese de Rousseau, do "Bo salvaxe", mais uns anos antes dos textos deste autor. Fai unha loanza da economía exemplificada polas mulleres chinas na elaboración da seda ou nas galegas na transformación do liño, exemplos que hoxe poderían servir como modelo dunha economía sostíbel.

Vallan estes breves apuntes, debido á escaseza de espazo, como exemplo das avanzadas teorías do noso importantísimo ilustrado Fr. Martín Sarmiento.

Comentarios