Opinión

David contra Goliat

O s días 4 e 5 de febreiro tivo lugar en Pontevedra, convocada pola coordinadora Eólicas, Así Non unhas xornadas nas que participaron expertos e expertas, investigadores e afectados, asociacións, sindicatos, Adega, Bidán, CIG, SLG, Fruga… A conclusión, para min: é unha loita contra o poder. Igual que o franquismo asolagou os mellores vales para crear enerxía hidráulica e favorecer empresarios afíns, por exemplo o Conde das Forzas Eléctricas do Noroeste S.A. (Fenosa), mentres as aldeas próximas carecían de luz. Agora, por estar a vivir “unha economía de guerra” e a “salvación do planeta”, a Unión Europea, os seus lacaios españois impóñennos unha "industrialización limpa" contra a nosa terra e o noso mar. É a loita de David contra Goliat.

Temos as eleccións municipais primeiro, logo xerais e autonómicas. Utilicémolas. Os concellos son importantísimos para frear os “polígonos industriais”, porque non son parques, palabra que dulcifica o dano, son polígonos industriais.

Os concellos han estudar o seu territorio e protexelo, negar a Declaración de Interese Especial para a súa implantación, isto é importante para recorrer xudicialmente. A UE está a esixir para impor a eólica mariña que os Estados elaboren os Plans de ordenación do espazo marítimo (POEM). Como é posíbel que esta ordenación non contemple para Galiza como “uso prioritario” do noso mar a pesca? (segundo Marta García). Galiza é, aínda hoxe, unha potencia na pesca, hai mais de 4.000 buques dedicados a ela e á cadea mar-industria. A pesca e industria derivada é un referente estratéxico (segundo Torcuato Teixeira).

A Comisión Europea está a preparar o camiño para a eólica mariña coa prohibición da pesca de fondo en 87 caladoiros a partir dos 400 metros e proxecta ampliar esta prohibición. Mais, di si aos muíños mariños a pesar das advertencias do Instituto de Investigación alemán Helmholtz-Zentrum Hereon no Mar do Norte, ao alterar o clima e as correntes e condicións do vento, e seguen a investigar.

Alternativa de David contra Goliat é pedir aos galegos e galegas e ao mundo do mar, mariñeiros e mariñeiras e mariscadoras que voten aqueles partidos que de maneira explícita defendan cambiar as leis para manter a riqueza das nosas terras e o mar

Comentarios