Opinión

O clamoroso silencio do World Triathlon

Sorprendeunos o silencio dos medios de comunicación sobre o World Triathlon. Xornais como Nós Diario e Diario de Pontevedra informaron puntualmente do acontecemento mundial, e Tele Deporte. TVG e TVE obviaron a competición mundial. É sorprendente que probas deportivas con tal dimensión, celebradas en Pontevedra, non foran merecentes da atención que se regala a outros deportes, incluso minoritarios. Nas Series Mundiais de Triathlon participaron máis de 3.000 deportistas de 100 países ao longo de catro días. Países como Francia, Alemaña, Reino Unido, EEUU, China, Xapón, Suíza, Arabia Saudita, Hungría, entre outros. A cidade co río Lérez vibrou e converteuse nunha pista na que os e as atletas foron alentados por unhas 40.000 persoas. Foi un grande éxito polas condicións, organización e colaboración cidadá. Mais de 709 voluntarios e voluntarias de todas as idades e condicións participaron contribuíndo de maneira xenerosa e insubstituíbel ao seu bo funcionamento, nun deporte como o triathlon que esixe tanto esforzo e no que a galega Susana Rodríguez Gacio, campioa actual, será a líder no Campionato do Mundo de Paratriathlon. O persoal voluntario procedía da universidade, de centros de ensino, da Brilat, da Escola Naval, presos en terceiro grao do cárcere da Lama e cidadáns de Pontevedra. Unha cidade e contorna implicadas. Hai tradición, alentada dende o Concello do BNG hai moitos anos. Ten representantes de gran relevancia, un multicampión como Javier Gómez Noia, colaborador, Saleta Castro, Pablo Dapena, Serrat e tantos e tantas que se formaron no Centro Galego de Tecnificación e senten Pontevedra como propia. Nesta ocasión, o campión de Mundo (2002) e de múltiples vitorias, o galego Iván Raña, recibiu o recoñecemento mundial ao entrar no 'Hall of Fame' da Federación Internacional de Triathlon, a laudatio de Javier Gómez Noia. A cidadanía de Pontevedra foi unha excelente anfitrioa de atletas e acompañantes. A súa pegada é inesquecíbel e premiada con invitacións a ser novamente anfitrioa de probas mundiais.

A cultura galega foi tamén líder cada día: danza aérea, Pablo Méndez Performance, Celme, gaiteiros, cantareiras, pandeireteiras, Xavier Díaz e Adufeiras de Salitre, De Vacas e Carlos Núñez.

Comentarios