Opinión

Tomaba "naná"

Fomos quen de explicar un pouco a guerra da Ucraína ás persoas miúdas da casa, pero aínda non demos explicado o que sucede na Palestina. Lembro como se angustiara Estrela (+7) cando os bombardeos de Kiev. "Van caer bombas na nosa casa, mamá?"

É difícil que a mente infantil comprenda como hai fogares de familias arrasados por explosións, sexa na fértil chaira ucraína ou na castigada Palestina.

As tarefas cotiás dunha casa con crianzas (lava ben os dentes!, comprobemos a mochila…) fanme pensar en como serían nunha cidade asediada, nunha franxa de Gaza que é cárcere en vida. Se a min me preocupa que ao Noé (+3) lle poida subir a febre hoxe na clase, hai nenas que pintan os seu nome nos brazos para ser identificadas en caso de que as esmaguen as súas propias paredes tras un bombardeo. Nós pensamos en como aforrar para un tratamento dental e hai quen se debate entre se a familia dorme xunta ou separada: é a diferenza entre poder desaparecer de vez ou que quede alguén que dea testemuña da estirpe.

Fódeme esta raiba inútil; fódeme escribir este artigo para derramar a impotencia e lavar a conciencia de non saber que facer. Fódeme ir a Santiago manifestarnos e que semelle inútil; ou poida que non e que amose o antibelicismo da poboación fronte a indiferenza dos gobernos cos crimes de guerra de Israel. Fódeme comprobar a diferenza entre unhas e outras vítimas, dependendo de quen as mire. Semella infantil apelar á empatía, mais, por desgraza, hai quen tacha de terrorista a toda a poboación palestina ou de nazi á ucraína. En ambos casos: é racismo.

Na imaxe do televisor, calquera xantar, o locutor dicía que un neno de ollos negros tería que acostumarse a tomar biberón. "Claro, tomaba naná!" (naná é o nome oficial da teta no meu fogar). Tomaba naná e a súa nai morreu protexendo o seu corpo das explosións. Así que, non sei, filla, se as bombas caerán algún día na nosa casa, pero caen un pouco na casa de toda a Humanidade cando non se detén este xenocidio.

Comentarios