Opinión

As malas castañas

Dende que existe o colexio público de Sober celebramos alí o magosto. Aínda que no patio escolar sempre houbo –e hai– castiñeiros, as castañas recompílanse fundamentalmente pedíndolle ao alumnado que traia cada quen unha presa delas. Sempre había abondo, pois é esta unha terra fértil para este froito, mais este ano, foi difícil escoller as boas.

Como en gran parte do interior galego, que concentra a maioría da produción de castaña do país, este ano as castañas viñeron malas.

Sober, por desgraza, non desenvolveu o sector acorde ao potencial que ten, mais a castaña é un puntal económico fundamental en comarcas galegas interiores, xerando medio milleiro de empregos directos e uns oitocentos indirectos.

Por desgraza, tamén, a situación deste ano non é nova: acumúlanse tempadas de pragas e secas, poñendo contra as cordas ás persoas produtoras, sobre todo ás pequenas, que son a maioría. A colleita deste ano tiña boas perspectivas, mais as choivas recentes arruinaron as expectativas.

Mais a Administración non semella darse conta do enorme potencial da castaña como xerador de emprego e fixador de poboación e paisaxe no interior galego despoboado; unha oportunidade arredor dun alimento excepcional e un produto de excelente calidade. E un ámbito para a innovación, coma os copos de castaña de Amarelante. Para mostra do desleixo, o proxecto de Orzamentos da Xunta para 2024, a pesar da crise da castaña, só reserva 19.000 para a restauración de soutos, de xeito específico, e a metade son para a provincia da Coruña. Migallas para un sector que require axudas adaptadas ao tamaño pequeno e disperso da maioría de soutos, liñas específicas de axuda para mecanización ou variedades resistentes a pragas ou posta en valor do consumo deste froito, desestacionalizándoo e garantindo a súa calidade con máis controis.

A castaña é tradición que nos conecta cun futuro sostible: non o desaproveitemos, acudamos ao berro de supervivencia das pequenas produtoras galegas.

Comentarios