Opinión

Ser pronome posesivo universal, ser memoria colectiva e individual

Din que a morte nos asemella a todos, que nos fai bos dende o mesmo momento no que exhalamos o último alento, pero hai alentos... que quedan prendidos en nós, na retina, no pericardio, no padal e no sentido. 

Pensastes algunha vez en que é o que vos motiva a erguervos cada mañá? A saír a traballar? Sempre hai unha razón ulterior e poderosa que nos leva a seguir na loita, nese camiñar constante cara a unha meta, unhas metas que son necesarias para conseguir cambiar realidades, para facer deste mundo un lugar mellor para vivir, non só para vivirmos nós, senón tamén as nosas crianzas e quen nos sobreviva, foi por todo isto, que entendéndoo así, Ánxela Franco foi quen de ir conquerindo metas persoais e políticas, sen desfalecer en cada paso.

Referente para moitas mulleres galegas en canto a feminista, política e nacionalista. Sempre considerou que as mulleres, polo simple feito de selo non tiñamos que estar illadas socialmente ou relegadas aos coidados, algo que as políticas de Feixoó e Rueda deixaron patente nos seus sucesivos recortes e asañamentos. As mulleres existimos en todos os ámbitos sociais, na ciencia, na cultura, na escrita, no mundo empresarial, no deporte,... e como dicía Simone de Beauvoir, sempre temos que estar alerta, porque os nosos dereitos poden deixar de existir coa escusa máis inimaxinable e se non, teñamos memoria, ollemos o pasado, e vexamos ese futuro incerto que se nos aproxima e que sempre está nas nosas mans, no sutil feito dunha papeleta, un sobre e un devezo.

Sabía ben que hai políticas que cando se levan a cabo poden non ser moi rendibles a nivel electoral, pero ela era das que sempre defendeu o traballo ben feito. Un traballo que pasaba por poñer medios dende as administracións para ninguén quedase nas gabias, nos cómaros da indefensión. Porque moitas veces somos simplemente un número, e en ocasións un voto. Tiña claro que se queremos avanzar como sociedade temos que facelo en bloque, todas a unha. Esixindo máis políticas feministas e sociais, máis compromiso por todas e todos nós en canto a sermos máis esixentes coa calidade e coas cualidades dxs políticxs que poñemos á fronte das administracións.

Ela demostrou que hai loitas individuais que tenden a bens colectivos,  algo que fixo dende sempre, dende as ampas, dende a comunidade de montes de Caamaño, dende este Concello, dende a Deputación.

Ela, esa muller que lle plantou cara ao mundo, a que deixou unha profunda cicatriz en nós, a lider nata, a que soubo que moitos dos ataques eran produto da envexa de quen nunca conseguiría compararse con ela.

Ben sabedes, que logo de todo o que levo escrito sobre ela, poucas cousas me quedan por dicir da súa persoa que non dixera xa, sobran as palabras cando o sentimento fica en nós a lume e os que nos sabemos atrapados nese seu monllo de amizades seguiremos a saudarnos co noso/nosa antes do nome, téndoa presente no día a día, na resistencia. Nosa Andrea, nosa Isa, noso Xanxo, noso Carlos, nosa Ana, nosa Rosana,...

Comentarios