Opinión

Siria no corredor da morte

A finais da semana pasada asistimos á hipócrita e cruel condena a morte dun país enteiro por parte do presidente dos EEUU Barack Obama

A finais da semana pasada asistimos á hipócrita e cruel condena a morte dun país enteiro por parte do presidente dos EEUU Barack Obama. O premio Nóbel da Paz de 2009 —cuxo nomeamento xa activara entón todas as alarmas— anunciou nun discurso decidido e preparado hai moitos meses que o exército mais poderoso do mundo irá matar sirios e sirias impunemente, só ou acompañado, con ou sen o aval da ONU. Un aval que, en calquera caso, non se producirá a xulgar pola posición de veto da China e da Rusia no Consello de Seguranza.

Di o capitalismo ultraliberal, através do discurso simplista de Obama e Kerry, de François Hollande e de David Cameron, que o que eles chaman o «rexime» de Al Assad pasou todas as liñas vermellas nun conflito interno ao utilizar armas químicas. Refírense, como eles mesmos recoñecen, ao pretenso ataque con gás sarín sobre a zona de Ghouta, a leste de Damasco. 

Dous dos tres países que inicialmente se destacaran nesa barbarie, Franza e os Estados Unidos, anunciaron xa o ataque. 

Tanto fai que se teña xa demostrado que as imaxes difundidas por Al Arabiya (e desde aí por todas as grandes corporacións da información) son absolutamente falsas e que responden aos intereses da familia real saudita, de quen é propriedade. Tanto fai que as poucas persoas que quedaban na zona evacuada de Ghouta teñan atribuido o uso do gás sarín a algún dos grupos terroristas vinculados a Al Qaeda que operan na zona e que fan parte dese conglomerado complexísimo e multipolar que son os «rebeldes» armados por Arabia Saudita, Israel, Catar e varios países de occidente. Tanto fai, si, que na práctica, apoiar militarmente os opositores armados e promover a guerra civil do mesmo modo que teñen feito durante os últimos dous anos sexa o mesmo que apoiar Al Qaeda, esa organización que nos foi apresentada polos mesmos que hoxe a axudan como sendo o mal personificado, e cuxa desarticulación serviu de escusa para a guerra do Afganistán no seu día. 

Nada diso importa. Son detalles sen importancia nun relato da situación deliberadamente confuso e escuro, adubado con tramas variadas, a cada cal mais truculenta e bárbara, mas sempre coa mesma intencionalidade: criar o monstro total, personificar o mal no presidente sirio e atacar con todas as forzas, tal como esixen alguns medios ben relacionados, como The Economist, por citar apenas un exemplo. 

Tampouco importa que o Parlamento británico teña pedido tempo e xogado unha mala pasada ao premier David Cameron. Dous dos tres países que inicialmente se destacaran nesa barbarie, Franza e os Estados Unidos, anunciaron xa o ataque. Outros, como o Estado español, á calada, están desviando os seus buques de guerra en misión antipirataría no Mediterráneo a camiño de novas posicións desde as que ameazar Siria de forma directa. 

Outros, como o Estado español, á calada, están desviando os seus buques de guerra en misión antipirataría no Mediterráneo a camiño de novas posicións desde as que ameazar Siria de forma directa. 

Só hai duas cousas que non sabemos da intervención. Unha é cando se producirá. Di Obama que pode ser mañá, nunha semana ou nun mes. Hai quen teña interpretado isto como un recúo. Sería, porén, a primeira vez na historia que tal cousa acontecese. 

O outro dato que descoñecemos son as cifras de mortos que irán derivarse desa intervención. Non sabemos se van ser ducias, centos ou milleiros, mas sabemos que vai suceder e que estas mortes serán xustificadas —estas si— como danos colaterais para levar a paz e a democracia a Siria e a toda a rexión.

Unha paz e unha democracia que son puro cinismo na boca dos dirixentes duns Estados imperialistas armados até os dentes. Uns Estados que non reparan en gastos de armamento —sempre con fins ofensivos— mentres, por certo, os seus gobernos executan de portas para dentro unha outra forma de violencia igualmente imposta: a da austeridade. Como nas guerras humanitarias, exiben aquí o argumento do ben maior —neste caso, saír dunha crise que eles mesmos criaron, igual que criaron as probas e as urxencias para intervir militarmente. A mesma estratexia, en fin, que demostra como a guerra é, sen dúbida, máis unha ferramenta para continuar acumulando capital, sen limite.

Só hai que ver o resultado de experiencias bélicas anteriores como as do Iraque, Afganistán ou Libia, convertidos en auténticos polvoríns grazas a axuda occidental, enviada alá para os mesmos obxectivos de pacificación e democratización, e cuxas economías, mais ou menos sólidas e solidarias, pasaron, canda os seus territorios e recursos, a facer parte do patio traseiro do império. 

Eses países, e outros como Somalia, Granada, Nicaragua, Panamá, Iugoslavia etc., anteriormente tocados pola gadoupa dos Estados Unidos e dos seus aliados, quer através da OTAN quer de forma mais unilateral, configuran un ronsel vermello de mortos e mortas que nada tiñan a ver cos intereses reais que se ocultan por tras destas guerras, que son —na realidade— o control xeoestratéxico e o acceso rápido e directo aos recursos naturais, cada vez mais escasos grazas ao capitalismo predador que os «demócratas» sementan de pasada alá polas terras arrasadas por onde pasan. 

Frente a esta matanza anunciada, o posicionamento da China, de Rusia e de Irán xoga un papel estratéxico, demostrando que o mundo non é tan unipolar como os Estados Unidos e Europa pretenden. 

Frente a esta matanza anunciada, o posicionamento da China, de Rusia e de Irán xoga un papel estratéxico, demostrando que o mundo non é tan unipolar como os Estados Unidos e Europa pretenden. Tamén o demostran os países da ALBA, facendo ver que por onde os Estados Unidos pasaron aínda pode renacer a esperanza. 

Mais, sen dúbida, é a resposta social a que mais temen estes señores da guerra vestidos de fato e gravata, atrapados na súa propria armadilla eleitoralista, dependente dunha sociedade adormentada, mas non completamente morta. Os que xustifican as políticas de austeridade con mentiras cada vez mais ridículas, os donos do FMI, do Banco Mundial e da troika, son os mesmos que agora queren convencernos de que apoiemos esta guerra contra o monstro de filme, do que foron sempre principais guionistas. Mais a súa exixencia é, como no caso da crise económica, cada día mais inverosímil. 

De aí a resposta cidadá.  De Londres a San Francisco, de Caracas a Atenas, de Zaragoza a París sucédense xa as primeiras mobilizacións de protesto pola anunciada intervención militar. Na Galiza non ficamos á marxe desta resposta e nos últimos días sucedéronse os contactos e pequenas iniciativas para dar unha resposta colectiva, promovidas por organizacións de solidariedade internacionalista, polo soberanismo político e polos movementos sociais e as organizacións culturais mais preocupadas co avanzo do imperialismo. Porque é diso que se trata. Do imperialismo avanzando e da necesidade de lle por freo. 

Comentarios