Opinión

Verán do 25

Os anos 2022-2023 foron testemuña do maior rebrote mundial de conflitos armados desde 1945. Moitos analistas apuntan a que 2024 non verá melloras neste eido. Estamos vivindo, se non unha guerra mundial, si "un mundo en guerra"; a post-globalización dispútase o botín do que foi o imperio unipolar estadounidense e da coñecida como Pax Americana. Etapa que, pola contra, tampouco foi precisamente "pacífica": das guerras dos Balcáns ás invasións de Iraq e Afganistán pasando polas de África (Serra Leona, Burundi, Ruanda, Liberia, Costa de Marfil, Congo…) ou a funesta intervención da OTAN en Libia; e outros conflitos en Chechenia, Osetia ou Xeorxia ademais dalgúns de distinta entidade e natureza en América Latina (Perú, Colombia, Guatemala…) que marcaron os 90 do século XX e os comezos desta centuria. Xa descontando o perenne palestino-israelí, o Sáhara Occidental e outros como o Kurdistán no contexto dunha salvaxe "guerra global contra o terrorismo" que impulsara centos de operacións en ducias de países contra múltiples formas de "insurxencia" (nomeadamente de carácter "islamista") activas no Magreb, en Filipinas ou no Corno de África. 

Pois ben, a situación é actualmente máis incerta (Oriente Medio en ebulición, Ucraína, Sahel, tensións en Asia…) e, como advirte a Federación Sindical Mundial, córrese o risco de que "o aumento exponencial dos gastos militares acabe desembocando nun conflito bélico de carácter internacional de consecuencias desastrosas". 

Esta semana o diario xermano Bild filtraba un documento do exército alemán no cal contempla o escenario dunha confrontación aberta e directa con Rusia no verán de 2025. Diante desa hipótese as sociedades europeas comprometidas deberan esixir deter unha carreira que, aínda imaxinándoa improbable agora, desembocaría nunha poderosa catástrofe. Resulta vital atopar saídas negociadas no Leste que acorden coa potencia euro-asiática rusa un novo marco compartido de seguridade estratéxica. A outra alternativa é pavorosa.

Comentarios