Opinión

'Smart power'

Son tempos de interesantes movementos tectónicos nas relacións internacionais: a orde das últimas décadas entrou en crise no albor desta, inaugurada e determinada polo evento pandémico global. A era expansiva da globalización neoliberal e unipolar deu síntomas de esgotamento naquela conxuntura de ameaza vírica, falta/acaparamento de vacinas e bens de primeira necesidade ou mediante unha cooperación inter-estatal que cuestionaba aliñamentos estratéxicos (exemplo: Rusia-China-Cuba-Italia; desviación corrixida por Meloni).

O estoupido da guerra a grande escala no leste europeo certifica esa dinámica xeopolítica necesariamente caótica: a des-dolarización, o crecente achegamento sino-ruso, o fortalecemento da Organización de Cooperación de Shangai, a inminente e prevista ampliación dos BRICS ou o recente Cume Rusia-África exemplifican desequilibrios e mudanzas lixeiramente albiscadas e un reto enorme para ás aspiracións de dominio das potencias do G-7 lideradas polos EUA, Francia, Reino Unido, Xapón e Alemaña. Asistimos ao rexurdimento do anti-colonialismo no corazón do continente negro: en Malí, Burkina Faso e Níxer (Sahel) veñen producíndose cambios de poder ou mobilizacións anti-francesas e a favor dun apadriñamento ruso e/ou chinés.

Latexa por baixo a eterna disputa polo control de materias primas, e non só. Foi o politólogo liberal Joseph Nye quen acuñou o concepto de smart power ou poder intelixente, inspirando primordialmente as sucesivas administracións demócratas estadounidenses: consistiría na combinación eficaz do coactivo poder duro (hard power) co poder brando (soft power), baseado nas restantes variedades do poderío militar, económico-cultural e diplomático para impoñerse e defender a preeminencia ideolóxica das regras imperialistas.

Esa cosmovisión atopa crecentes resistencias, emporiso aperta a súa ofensiva a través da intervención política, das ferramentas dixitais e dos produtos cinematográficos nunhas colonias europeas despoxadas de soberanía real.