Opinión

Paz armada

A historiografía que aborda cunha visión multi-causal o estalido da I Guerra Mundial –como fan os historiadores Víctor Morales Lezcano ou Hipólito de la Torre– é unha síntese superadora daqueloutras explicacións revisionistas –de Helmer Barnes ou Sidney Bradshaw, centradas en exculpar Alemaña ao falar de "responsabilidades colectivas"– ou antirrevisionistas e marxistas –H. Kantorovich, Pierre Renouvin, Luigi Albertini e Fritz Fischer, apuntando directamente ao Segundo Reich como causante principal–, xa que se centra en discernir toda unha serie de mudanzas e dinámicas herdadas de finais do século XIX co precario equilibrio dos sistemas de alianzas bismarckianos que levaron á carreira de rearme como pauta de negociación entre potencias, no contexto da rivalidade pola carreira colonial que ineludiblemente propiciou militarismo, o apoxeo nacionalista e o afán imperialista. Ese conxunto de razóns foran alentadas por intereses industriais e pola competición por expandir mercados á vez que se decretaban medidas proteccionistas.

O período, a Paz armada (1871-1914), desembocou no magnicidio de Sarajevo e o conseguinte inicio dunha Gran Guerra precipitada polo veloz desencadeamento de decisións en cascada que implicaron ás grandes potencias europeas e mundiais. 
O que ensina esta lectura metódica do acontecido na altura é o pouco que serve responsabilizar uns ou outros actores dunha secuencia que leva ao desastre, senón que o único xeito de evitalo é des-escalar mediante arbitrio de canles negociadoras. Coa recente filtración ao público dunha conversa entre oficiais xermanos da Luftwaffe, na que abertamente deseñaban ataques misilísticos contra infraestrutura rusa, deducimos que no seo da OTAN –alén das declaracións– existen pugnas cruzadas e soterradas entre quen aposta por elevar o nivel de confrontación coa potencia euro-asiática e quen trata de rebaixala por precaución e temor a unha hipotética reacción incontrolable. Máis valería que acaben "gañando" os segundos.

Comentarios