Opinión

Myrotvorest

Alá por febreiro do 2022 voceiros dos principais promotores da gravísima multi-problemática que atenaza o continente presentaron á opinión pública que a do leste era unha batalla entre o ben e o mal, entre democracia e autocracia, entre liberdade e tiranía...e toda unha restra de dicotomías totalizantes e moralizantes absurdas que xustificarían que a UE leve desbaldidos máis de 60.000 millóns en asistencia financeira e militar e o custo das políticas dirixidas a protexer as poboacións europeas dos efectos das sancións impostas a Rusia -por orde de Washington- alcancen 700.000 millóns.

Recentemente a eurozona entrou en recesión técnica, como calquera con básicos coñecementos económicos predicía: un caldo que favorece o despegar ultradereitista. Relataron profusamente o inventario de excesos dun sistema non-democrático como o da Federación mais pouco afondaron na realidade do ucraíno, de natureza sinistra de orixe (2014).

Myrotvorest é unha lista negra de individuos “a eliminar” -considerados arbitrariamente "inimigos de Ucraína"- elaborada por servizos de información e vencellada ás autoridades daquel réxime progresivamente fascistizado. 

En base a ela asasináronse ducias de persoas: aquelas consideradas prorrusas, menores incluídas. Figuran políticos, empresarios, artistas ou xornalistas autóctonos, rusos -atentados mortais en San Petersburgo e Moscova hai meses- e internacionais. Nomes como Roger Waters e Sègolene Royal ou Clare Daily aparecen; Jean Luc Mèlenchon, Gerard Schröder e múltiples activistas pacifistas tamén. Procúrase a súa demonización e morte física ou civil.

É unha base de datos macartista que sinala publicamente, expoñendo información persoal con obxectivos terroristas. Contido do portal atópase parcialmente aloxado en servidores web de Bruxelas. Se ten peteiro, ten plumas e fai cuac probablemente sexa un parrulo: é neo-fascismo e maniféstase con distintas expresións e aparencias neste resoar da Historia, coa complicidade de demasiados.