Opinión

Jaurès

Nestes tempos nos que boa parte das institucións, gobernos e a meirande parte dos grandes medios de comunicación de masas ao seu servizo tratan de idealizar a guerra e de convencer a opinión pública europea da inevitabilidade e necesidade da confrontación militar directa coa maior superpotencia atómica do planeta é interesante botar man da memoria dalgunhas figuras e movementos que, noutras épocas e contextos, mantiveron erguida a bandeira da dignidade fronte ás sinistras forzas que finalmente arrastraron millóns de persoas á hecatombe. Son ben coñecidas as de Rosa Luxemburgo e Karl Liebknecht, que se opuxeron firmemente á I Guerra Mundial pagando un altísimo prezo. 

En xeral é menos coñecida polas novas xeracións a de Jean Jaurès, que fora un dos máis brillantes oradores e o parlamentario máis mozo da Terceira República francesa: un doutor en filosofía e gran xornalista (fundador de L´Humanité) dedicado ao combate teórico e práctico pola Paz, custándolle así mesmo a vida no preludio da Gran Guerra a mans dun militante ultra-dereitista. A súa obra deixou, como resumo, catro ideas chave: a equivalencia semántica entre república, democracia e socialismo; a complementariedade entre nación e internacionalismo; a defensa dunhas relacións internacionais baseadas na arbitraxe e o dereito e a importancia do deber e a responsabilidade.

Todo o traballo dos seus últimos dez anos xirou arredor destes puntos e esforzos visionarios sobre a guerra e a paz, sobre a honestidade e a obxectividade, sobre a verdade e o xornalismo comprometido fronte á des-información maila propaganda ou sobre a procura das raíces dos conflitos e a manipulación interesada das sociedades. En xullo de 1905 (nove anos antes da catástrofe) dicía: "Todo conflito que implique a Alemaña, Inglaterra, Francia ou a algún deles, será un desastre para a Humanidade". Non descansaba na crítica do xornalismo que alimentaba a retórica belicosa. Ler os seus artigos e afondar no seu pensamento están de plena actualidade.

Comentarios