Opinión

Eixo do mal

É tradición centenaria da elite estadounidense distinguir estados entre "malos" e o resto segundo criterios aleatorios e cambiantes. O criterio real obedece a intereses político-económicos e estratéxicos que peneira entre vasalos e aqueles que non aceptan directrices… Na década posterior á fin da Guerra Fría –na etapa da War on Terror– foi a administración de George W. Bush a que catalogou no "eixo do mal" e como "réximes que apoian o terrorismo" a Irán, Iraq e Corea do Norte. John Bolton, que posteriormente foi Conselleiro de Seguridade Nacional con Trump, incluíu aí a Siria, Cuba ou Libia e para a Secretaria de Estado Condoleezza Rice a fileira non estaba completa sen Bielorrusia, Birmania e Zimbabue. Dos nove estados sinalados tres –catro con Afganistán– foron bombardeados e destruídos, representando 93 millóns de habitantes en conxunto; outro deles padece unha interminable guerra civil desenvolvida por etapas desde 1948.

O actual speaker da Cámara de Representantes Mike Johnson vén de re-actualizar a listaxe macabra incorporando tres focos civilizatorios: a Federación de Rusia, a República Popular China e a República Islámica do Irán conformarían o novo "eixo do mal". Aprobaron un enésimo paquete de financiamento integrado por até 100.000 millóns de dólares en "axuda militar", subdividido en 26.000 millóns para a "Guerra Santa que libra Israel" (sic) –fanáticos relixiosos son outros–, 8.000 dirixidos á confrontación con China na rexión Indo-Pacífico –concepto xeopolítico, non xeográfico– e 61.000 ao saco sen fondo ucraíno contra Rusia.

Na provindencial e interminable batalla totalitaria do "ben" contra "o mal" sempre gaña alguén: empresas de armamento propias como Lockeed Martin (beneficios de 4%), General Dynamics (18%) e Raytheon Technologies (36%), a alemá Rheinmetall (98%), as francesas Thales (11%) e Airbus (27%), a italiana Leonardo (58%), a española Indra (34%), a británica BAE (22%) ou a israelí Camtek (40%). Sangue a regos para lucro infinito.

Comentarios