Opinión

Armas ucraínas

Á marxe doutras, unha das razóns de peso e fundamentais para oporse ao envío de material bélico de todo tipo ao conflito do leste desde febreiro de 2022 eran os potenciais perigos relacionados coa posibilidade de que o territorio do actual estado ucraíno trocase nunha especie de paraíso do tráfico ilegal de armas no corazón do continente: nun Afganistán ás portas da UE. Algo similar ao acontecido coa guerra dos Balcáns tendo en conta, ademais, a posición privilexiada de Ucraína nos rankings da corrupción.

O espiñento asunto forma parte dunha preocupación crecente no ámbito das policías internacionais pola sospeita de que grupúsculos neonazis, mafias e diferentes tipoloxías de organizacións pertencentes ao crime organizado se fagan facilmente con este material fluínte ao mercado negro. Tendo en conta que o Goberno ucraíno repartiu libremente armas entre a poboación e algúns especialistas estiman que só unha porcentaxe pequena do entregado por Occidente chega efectivamente ás zonas de combate, a situación resulta desacougante.

Nesta liña, vén de facer unhas sensibles afirmacións públicas –de advertencia– o ex asesor da oficina presidencial de Zelenski, e candidatable a formar parte da vindeira nova elite política, Oleksy Arestovich: "Deberíase comezar a vixiar seriamente agora mesmo cara a onde van o diñeiro e as armas ucraínas, posto que o final da guerra incitará a moitos a vender o que poidan e a quen sexa para procurar unha saída de proveito: se isto non acontece, Europa vai verse como un polvorín de homes rotos que se senten traizoados. Homes con adestramento militar e armas". Engadiriamos que –moitos– fanatizados pola ideoloxía ultranacionalista predominante inculcada nos últimos anos e cunhas pésimas condicións materiais e de saúde mental, por razóns obvias.

A Oficina Nacional de Investigación finesa recoñeceu –a finais de 2022– que detectaban arsenais procedentes da zona en mans de bandas criminais. Xa apareceron tamén en México, Dinamarca, Suecia ou Oriente Medio.

Comentarios