Opinión

Abrir as fiestras

Á politicamente convulsa década dos dez sucedeulle un parón pandémico letal no plano social que anunciaba a "década do caos"; desorientación individualista, irracionalismo, mudanzas climáticas severas ou desatada belicosidade axitan o paso en demasiados puntos cardinais do mapamundi. Ao contrario, e na procura de certezas, atópase a xente que aspira a desenvolver e mellorar minimamente a vida. Sen disipar dúbidas sobre a intensidade das turbulencias intuídas o pobo galego está chamado a votar nunha das eleccións máis transcendentais da etapa autonómica: un pobo que leva décadas construíndo desde abaixo ferramentas asociativas culturais, sindicais e políticas propias en todos os ámbitos da sociedade civil e en tenaz loita polas causas xustas; aquelas que afectan ao común e requiren respostas de ollada ampla que pensen no interese xeral: sanidade e educación públicas de calidade, promoción cultural e lingüística, preservación do patrimonio, coidado do medio ambiente, traballo digno, igualdade ou medios de comunicación públicos decentes e independentes son tan só algunhas, logo dunha década e media de agresión e desleixo polo mal-goberno neoliberal vendido a intereses privados e alleos e á manipulación e propaganda.

Remata a peor campaña electoral da historia do "partido-institución" co candidato á presidencia máis gris: un PPdeG despoxado definitivamente da boina e con moi pouco birrete ayusizado– renderá contas. Lidera a alternativa a forza máis xenuinamente constante e hoxe fortalecida, anovada, capacitada e convencida de que baixo esa lousa atópase todo un tecido dinámico e resolto a que este pobo milenario non languideza na parálise mentres o mundo acelera drásticos cambios. Unha forza que transmite o entusiasmo e auto-confianza precisas para unha nova época ao servizo das maiorías, que abra as fiestras e libere o potencial colectivo dos que non se resignan a ser varridos pola ameazante onda de endurecemento dos Estados. O réxime feijooniano abanea.

Comentarios