Opinión

Sobre a curva da Grandeira

En relación ao tráxico accidente ferroviario do pasado mércores día 24 gostaríame facer algunha consideración a respeito da curva “da Grandeira”

En relación ao tráxico accidente ferroviario do pasado mércores día 24 gostaríame facer algunha consideración a respeito da curva “da Grandeira”

No ano 1988 aproximadamente fíxose unha renovación de vía entre Lalín e Santiago. Evidentemente con renovación de travesas, balastro, firme, carrís, etc. E tamén, loxicamente, ampliando os radios e clotoides de todas as curvas, ampliación na que se inclúe a que serviu de base á actual. Este traballo fíxose aproveitando a expropiación que en aquel momento estaba feita  e deixando un radio mínimo de 380 ou 400 m, radio suficiente para unha velocidade de 90 Km/hora, velocidade suficiente para aquel momento  -con todas as críticas que se fixeron-  pero cun ano-horizonte non moi amplo.

Tamén neste mesmo tempo mellorouse a estación de Santiago de Compostela: os andéns, as instalacións complementarias, todo o referido á edificación e, sobre todo, melloráronse as tanxentes e as lonxitudes dos cambios, co cal o cambio de vía para os trens que entraban e saían da estación era máis fluído e menos perigoso.

Os alcaldes na súa maioría non queren nin oír falar de sacar as estacións de ferrocarril do centro, do que consideran as “súas” cidades

Isto foi normal nese tempo, pero logo as administracións comezaron a pensar na alta velocidade  (ou velocidade alta, que non é o mesmo) e encargaron os proxectos. Pero non pensaron na ubicación nin na orientación da estación de Santiago: non se pensou que para entrar na estación actualmente, con uns parámetros xeométricos decentes para a alta velocidade, habería que derrubar edificios, casas, etc. Estou  falando da entrada dende Ourense. Os alcaldes, e demais responsables políticos, na súa maioría non queren nin oír falar de sacar as estacións de ferrocarril do centro, do que consideran as “súas” cidades. Pero habería que facer estacións intermodais fóra, claro que garantindo un bon acceso con medios públicos.

Se fosen dous maquinistas na cabina, as posibilidades de accidente por erro humano redúcense considerabelmente. Pensemos nos recortes

Non sei que sistema de seguridade fallou no caso que nos ocupa,  pero pensemos que vai un só maquinista na cabina. Se fosen dous as posibilidades de accidente por erro humano redúcense considerablemente, creo que máis que con métodos automáticos de seguridade, pero agora ninguén se lembra dos recortes. Xa para rematar, vendo os vídeos do choque por TV, dáme a impresión de que se freou en plena curva. Isto aumentou a magnitude da traxedia. Pensemos que entramos nunha curva co noso coche a gran velocidade; se freamos en plena curva o coche derrapa, simplemente pola forza centrífuga; isto non ocorre se o facemos antes de entrar na curva.

Lamento moito o suceso e solidarízome con todos os afectados/as.

Comentarios