Opinión

Notas ao vivo: Morte das linguas (69)

Segundo a Unesco cada dúas semanas desaparece unha lingua no mundo. E, das aproximadamente 7.000 linguas vivas no planeta, unhas 2.500 están a día de hoxe en perigo de extinción. A Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura, diante do lingüicidio en marcha, di que implementar unha boa política lingüística pode reforzar as comunidades de falantes, revitalizando as súas linguas maternas e transmitíndoas ás xeracións futuras. E a Unesco creou o Programa de Linguas en Perigo xustamente para apoiar a comunidades e gobernos facilitándolles ferramentas e servizos necesarios para reanimar os espazos lingüísticos, que son parte fundamental da cultura dos pobos e da cultura universal.

¿Por que desaparecen as linguas? Fóra das causas “físicas”, entre as que poden estar as epidemias xeralizadas ou os desastres naturais de grandes dimensións, as linguas desaparecen por razóns de tipo socio-político ou socio-económico. Guerras prolongadas, xenocidios, colonizacións ou directamente opresión política e prohibición; sen nos esquecer da promoción continuada de “linguas dominantes”, sempre favorecidas polos medios de comunicación masiva en detrimento do que o poder político e económico ven como “lingua menor”: pensemos, por exemplo, no caso do galego.

Hai só uns anos (2015) as tres Universidades galegas amosaron a súa preocupación pola alarmante caída do uso do idioma galego e nunha declaración conxunta expresaron a súa “fonda preocupación pola situación que atravesa actualmente a lingua galega e polo seu futuro”. O profesor de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo, Xosé Henrique Costas, non dubidou naquela altura en afirmar que o idioma galego goza, si, de oficialidade no “papel”, mais que esta non se aplica na realidade. Se a profesora de Lingüística da Universidade de Barcelona, Carme Junyent, convén en que o catalán está en proceso de extinción (“o Estado é unha máquina de matar linguas”), ¿que podemos dicir, cos datos existentes na man, do idioma propio de Galiza? Escribía Xosé Luís Méndez Ferrín hai dez anos que “masas do pobo galego consideran a súa lingua inferior, innecesaria, prescindíbel e non lla traspasan aos seus fillos e netos”. Talmente. E isto acontece hoxe a velocidade considerábel. A transmisión xeracional, segundo o doutor en Filoloxía Xosé Manuel Freixeiro Mato, rompeuse: “E a xente nova aprende o galego case como unha lingua estranxeira”. As responsabilidades do Partido Popular e das políticas da Xunta de Galicia en todo isto son inmensas. Máis cedo que tarde terán que rendir contas.

Comentarios