Opinión

Notas ao vivo: A Galiza que cae no silencio (71)

O declive demográfico de Galiza é un cancro social que reflicte perfectamente a realidade do país. O padrón do ano 2018 daba conta da existencia de 2.700.246 habitantes: só en dous anos tíñamos perdido case 20.000 nativos ou coterráneos. ¿E cantos mozos e mozas deixaron o noso país nos últimos dez anos? Hai estimacións que falan de 100.000, arriba ou abaixo. Mais tampouco existen estatísticas sobre a emigración galega actual que resulten absolutamente fiábeis. O silencio ou os datos incompletos, incluídos os do Instituto Galego de Estatística, forman parte desa “normalidade” que vivimos, puro signo de desleixo e de esmorecemento.

Sabemos ben, iso si, que Galiza é a comunidade autónoma coa taxa máis alta de suicidios de todo o Estado español. Estamos nos niveis máis altos de suicidios da Unión Europea, por riba dos 10 suicidios por cada 100.000 habitantes: 20 en Lugo e nalgunhas zonas do norte da Coruña, particularmente en Ferrol.

Entre o declive demográfico, o abandono do campo, o desmantelamento industrial, a taxa de suicidios e a pobreza que sempre está aí, fanse actuais, e dolorosos, os versos de Uxío Novoneyra escritos hai máis de medio século no seu poema titulado “A Letanía de Galicia”: “Galicia do silencio calada/ á forza (...), Galicia tapeada xorda/ á forza”. Aínda que o poeta, lúcido e visionario, remata o poema cun verso extraordinario: “sabemos que ti podes ser outra cousa”.

É certo que houbo un Nunca Máis, que acabou propiciando no seu día a perda do poder do PP na Xunta de Galicia, e tamén é certo que existe unha importante mobilización nos ámbitos galegos da sanidade, da educación e da defensa do medio ambiente, entre outros. Mais iso, sendo altamente significativo, non abonda. Parafraseando ao filósofo Sodi Pallares, que non escribiu ningún libro, a razón, sen verdadeira acción política que a acompañe, é estéril. Ese é un problema, ou ese é o problema.

Lembro un artigo de Felipe Senén, un verdadeiro discípulo de Otero Pedrayo nas súas “formas” expresivas, no que aludía á nosa natureza, á nosa paisaxe, “o corpo da Galiza”, como un espazo cheo de feridas. “Ás veces e dun só golpe e virada de ollada, ofrécese ese corpo aberto, esnaquizado, como roído polas ratas”. E emerxía aquí o poema de Luís Seoane “As ratas”: “Dende fai séculos loitan en Galiza/ os homes cas ratas./ Vencendo sempre as ratas”.

Máis alá do tremendismo realista e social de Luís Seoane, o certo é que o noso país, na súa loita secular pola supervivencia, está a caer no silencio, e tal vez nunha indecisión ou irresolución de carácter crónico. Certa apatía, desleixo, ou dígase abulia, impóñense. Véxase o estado do idioma, que xa comezan a descoñecer e a abandonar os nenos galegos. Véxase o silencio (complicidade pasiva co “sistema”) que exhibe unha amplísima maioría dos intelectuais, escritores e artistas galegos. ¿Acabará tendo razón Luís Seoane?

Agora sabemos, por Cáritas, que 150.000 persoas habitan en Galiza en vivendas inadecuadas e que máis de 200.000 viven en vivendas declaradas “inseguras”. ¿É este un país que progresa? ¿É o noso un país xusto e democrático? E xa non falemos da pobreza: case medio millón de persoas en risco verdadeiro de exclusión social. ¿Que teñen que dicir Alberto Núñez Feijóo e o Partido Popular a todo isto?

¿E que pensan facer ao respecto as forzas progresistas e de esquerdas, aquí e agora? ¿Pensan realmente na xente, nas persoas, na economía, no medio ambiente, na cultura, no idioma que esmorece? Só un ollar á nosa realidade inmediata fai tanxíbel e verdadeira a vella frase do filósofo, xurista e político romano, o que levaba nos ollos a luz da terra chá do Lazio: “Cando os políticos non se rexen pola ética, son como hienas á caza do poder”.

E un chega a sentir o sabor metálico da náusea.

Comentarios