Opinión

Notas ao vivo: Como frear o neofascismo (77)

114.834 persoas votaron en Galiza nas eleccións xerais por unha organización neofascista e máis de 3.640.000 fixérono no conxunto do Estado. Hai que parabenizar ao BNG, que obtivo un deputado pola Coruña, Néstor Rego, que ademais foi quen de cortarlle o paso aos neofascistas e neofranquistas de Vox na demarcación coruñesa —que a piques estiveron de obter representación—; e tamén hai que recoñecer os deputados Antón Gómez-Reino e Yolanda Díaz, de Podemos-EU, que, xunto cos electos do PSdeG-PSOE para o Congreso (10 actas), sumaron no arco das esquerdas galegas —contabilizando tamén os resultados do BNG— máis de 766.000 votos. E Vox na Galiza non obtivo escano ningún, aínda que os seus apoios están aí.

As organizacións progresistas galegas, maiormente á esquerda do PSdG-PSOE, deberían todas elas, dadas as circunstancias, reflexionar moi seriamente sobre a realidade do noso tempo e tratar de establecer un espazo común de acordos de traballo e de acción política, articulando nexos, creando vínculos de consenso e levando a cabo unha carta de alianzas, xa no presente e de cara ao futuro. É obriga da esquerda soberanista galega e da esquerda federalista —as dúas son internacionalistas— estar á altura dos tempos e reaxir fronte á adversidade actual e fronte ás adversidades que virán. Se as esquerdas realmente existentes non practican fórmulas de unidade popular, integradas tamén por sectores activos e organizados da cidadanía, poden acabar pagándoo moi caro.

Porque, ademais da ameaza inmediata da dereita e da extremadereita fascista, que ataca directamente dereitos, liberdades e a propia dignidade humana, o certo é que pasan as décadas e os problemas cruciais de Galiza seguen sen resolver, dende o económico nos seus sectores capitais ao cultural e lingüístico, co idioma propio en serio perigo de extinción a longo prazo. E as esquerdas soberanistas e internacionalistas son responsábeis, todas elas, por pasividade estratéxica ou por distracción partidista, da desfeita. Para solucionar os graves contratempos e penalidades que sofre a nación galega hai que artellar instrumentos políticos eficaces, “amplos” e populares, que actúen en beneficio das persoas, do seu benestar, e da identidade propia, a todos os niveis, do país.

¿E como frear o fascismo que xa está e que vén? En Grecia, por exemplo, cando cobrou vida política a extremadereita xenófoba e pronazi denominada Amencer Dourado, souberon como facerlle fronte. Pasou de ser terceira forza parlamentar a non ter representación ningunha. Aprendamos, pois, de Grecia, polo que poida vir. O antifascismo heleno, como se sabe, perfilou catro importantes liñas estratéxicas: mobilizacións masivas e periódicas contra o fascismo criminal, plataformas políticas amplas para lle facer fronte, persecución xudicial implacábel (activación continua de querelas e litixios) e presenza cívica, e pedagóxica, da esquerda nas rúas e no tecido social. Ao fascismo non se lle pode permitir, democraticamente, o seu asentamento na sociedade. Contra o discurso do odio, determinación, organización e unidade política na acción. Non se pode admitir que calquera dirixente de Vox diga o que dixo Bolsonaro dos pobos orixinarios do Brasil, “indios hediondos, no educados y no hablantes de nuestra lengua”. Algo semellante xa comeza a dicir Vox, maiormente coa boca pequena, sobre nós, os galegos e galegas. Velaí a gravidade e o perigo.

Como di o economista e intelectual chileno Mandred Max-Neef, o fascismo ten diante de si, e na súa contra, a liberdade como unha das necesidades básicas dos seres humanos, ademais da supervivencia, da seguridade e da identidade. Traballemos, pois, no noso país, dende a unidade de acción das esquerdas, para frear o fascismo, o máis visíbel e o menos visíbel, e para propiciar un cambio (xustiza social e identidade) que nos permita proxectarnos no futuro.

Comentarios