Opinión

Reservas estratéxicas encriptadas

Leo que o goberno español ten previsto facer un rexistro encriptado das súas necesidades de bens estratéxicos para constituír reservas dos mesmos e previr futuros desabastecementos que poidan alterar o debido funcionamento da actividade económica ou a seguridade sanitaria do país. A idea en principio non parece mal encamiñada, só que a súa posta en práctica é ben máis difícil do que parece e non lle vexo moito futuro.

Tampouco é nova pois países coma os Estados Unidos xa as teñen no petróleo e noutros materiais, como legado da guerra fría, pero de momento foron usadas máis como ferramenta de control de prezos que para seu uso orixinario, que era o de manter o funcionamento económico en situacións problemáticas.

Supoño que tal reserva será constituída en épocas de normalidade das subministracións e non agora que os prezos de moitos deles están disparados, pois de ser así contribuiría a subilos aínda máis e salvo que o goberno queira especular con hipotéticas subas de prezos non ten moito senso facelo nestes momentos.

Digo que é problemático porque o goberno tería que decidir en primeiro lugar que bens son estratéxicos e, segundo, cal é a cantidade mínima a adquirir dos mesmos para que poidan levar adiante a súa función. O concepto de ben estratéxico é algo que é cambiante no tempo e no espazo. Fai vinte anos ninguén consideraría os semicondutores ou as terras raras como algo estratéxico mentres que hoxe si o son. Fai uns anos o carbón sería un deses bens, e hoxe, aínda séndoo, non o é en igual medida. Tamén no que se refire ao espazo que podería ser estratéxico na Galiza, pola súa dinámica económica, xeografía ou clima non o sería nas Illas Canarias.

Tamén a cantidade de reservas non está clara, pois ter en exceso implica custos de almacenamento e de minguas e telas en cantidade insuficiente de pouco valería e non hai forma de que os gobernos teñan pouco máis que unha estimación das mesmas. Ao non estar nin a cantidade nin a calidade dos bens claramente delimitada hai unha sorte de falla de información que pode conducir a potenciais prácticas corruptas tanto na compra como no uso dos mesmos.

O normal sería que o goberno fixese provisión daqueles bens que poida precisar para o mantemento das funcións que ten encomendadas e que son as que mellor coñece na sanidade, educación, obras públicas ou orde pública e confiase o resto aos particulares e empresas. Estes tamén teñen experiencia sobrada á hora de saber o que poderían necesitar en caso dunha disrrupción severa de insumos. Ensaios como os que se están a facer en Austria para casos de apagada eléctrica poden facer pedagoxía e conseguir que familias e particulares teñan pequenas reservas de bens básicos para imprevistos, que serían moito máis facilmente dispoñíbeis en caso de emerxencia (na que moitas cousas non funcionarían) que no caso de ter que recorrer a unha distribución dende almacéns centralizados.

O mesmo debería acontecer nas empresas, públicas e privadas, pois cada unha delas ten mellor información do que precisa que calquera órgano centralizado. O único é que estas deberían comezar a reconsiderar as supostas bondades, tan difundidas en escolas de negocio e facultades, do coñecido como just in time que consiste nunha política de suprimir stocks e voltar ás vellas políticas, ter almacéns e gardar provisións para un tempo. Xa están experimentando con feches, algúns de longa duración, o abandono do aprovisionamento.

O que non entendo, e gostaría que explicasen, son as razón do encriptamento. Canto máis transparencia mellor, pois se non, a desconfianza a respecto das medidas será moito maior e poderá dar lugar a sospeitas de favoritismo ou corrupción nas compras.

Comentarios