Opinión

Zabalza e o bochorno de Marlaska

Póñovos en antecedentes, María e Vicent, aínda que moitos dos vosos lectores coñecerán ben o caso Zabalza. En novembro de 1985, nunha operación contra ETA, a Garda Civil detivo o navarro Mikel Zabalza, condutor de autobuses municipais de Donostia. Non cabe dúbida de que morreu torturado pola Garda Civil de Intxaurrondo.

Pouco despois da detención, a Garda Civil dixo que, mentres o levaban investigar un zulo nas inmediacións do Bidasoa, Zabalza fuxira saltando ao río, e que lle perderan a pista. O corpo de Zabalza apareceu 20 días despois da detención, nunha parte do río que os mergulladores xa examinaran moitas veces. Ninguén creu a versión oficial naquel momento, nin tampouco agora. Era inverosímil.

O caso Zabalza reúne todos os ingredientes: Tortura, negación, mentiras, unha versión inverosímil, un corpo no río e a pesada laxa dos segredos oficiais

O recentemente nomeado xeral da Garda Civil Arturo Espejo foi o instrutor da operación para deter a Zabalza; é dicir, era o responsábel directo dos gardas civís que estiveron con Zabalza e, por tanto, o responsábel xudicial do ocorrido. Esta semana, o PNV e Geroa Bai pediron explicacións sobre o nomeamento ao ministro do Interior español Grande-Marlaska.

A falta de argumentos que xustifiquen o nomeamento, Marlaska utilizou, sen cambiar unha soa palabra, o mesmo subterfuxio que utilizaran os anteriores ministros do Interior cada vez que lles preguntaban sobre torturas ou guerras sucias: non está imputado.

O caso Zabalza é emblemático porque reúne todos os ingredientes necesarios para selo. Tortura, negación, mentiras, unha versión inverosímil, un corpo atopado nun río e a pesada laxa dos segredos oficiais que cobre a verdade para que non saibamos que pasou e como pasou en realidade.

A democracia e os segredos de Estado son conceptos antagónicos e incompatíbeis. En realidade, os segredos de Estado son unha ferramenta que serve para ocultar delitos e para protexer da xustiza a quen os cometa, e así evitar que quen transita polas cloacas do Estado teñan que render contas. A familia de Mikel Zabalza ten dereito a coñecer con exactitude todo o ocorrido, e xa sabemos onde está a información. O de Zabalza ocorreu mentres gobernaban os socialistas, e é o seu deber desclasificar os documentos correspondentes.

Comentarios