Opinión

Solidariedade cos guanches

Son dolorosas as imaxes que estamos a ver na illa canaria da Palma, moi dolorosas. Resulta aínda máis doloroso cando unha catástrofe deste tipo sucede nunha comunidade que, aínda estando a moitos quilómetros de distancia, a miúdo estivo ao noso lado. É grande a forza da natureza, porque é aterradora e incontrolábel. O volcán arrasou todo o que atopou ao seu paso; cubriu varios terreos e pobos que nunca máis volveremos ver, e creou sobre eles un novo estrato.

Os independentistas canarios pasaron anos denunciando a colonización económica perpetrada a través do turismo

A nosa xeración foi testemuña das veces nas que a cidadanía canaria tentou ser dona de si mesma. Foi Mpaiac –Movemento pola Autodeterminación e Independencia do Arquipélago Canario– quen se encargou de promover a devandita reivindicación, e actuou con forza durante varios anos. O seu líder máis importante foi Antonio Cubillo, até que os servizos secretos españois atentaron contra el en Alxeria no ano 1978. O líder canario resultou gravemente ferido e, en consecuencia, o movemento foi decaendo. As divisións internas tamén contribuíron en gran parte ao proceso de declive.

Os independentistas canarios pasaron anos denunciando a colonización económica perpetrada a través do turismo, xa que había grandes intereses para que esa nación seguise pertencendo ao Estado español. E é que, mentres o territorio estivese baixo dominio español, as grandes empresas turísticas europeas, na súa maioría alemás por aquel entón, poderían investir alí ao súa antollo. Á fin e ao cabo, eran conscientes de que esas empresas dirixirían a súa economía a outra parte no caso de que os independentistas saísen gañando. Pasados os anos, soubemos que precisamente foron algúns deses empresarios alemáns quen financiaron a guerra sucia contra os independentistas. Pois había moito en xogo naquel entón.

Agora toca axudar a eses que nos mostraron a súa solidariedade, xa que todo o que lles deamos será pouco para todo o que necesitan. Colonizámolos, fixemos desaparecer a súa lingua… Oxalá os guanches coñezan unha época máis favorábel que esta para conseguir por fin ser donos de si mesmos!

Comentarios