Opinión

Recentralización, pola vía das togas

Alegroume enormemente, Vicent, a convocatoria para o acto a favor do modelo escolar de inmersión lingüística que decorrerá o vindeiro sábado en Barcelona. Se a Covid non o impide, congregarase moita xente diante da sede do Tribunal Superior de Catalunya; evidentemente, é un sitio idóneo para levar a cabo esa concentración, debido a que foi ese tribunal o que ensinou o camiño ao Tribunal Supremo español para que rompese o acordo que perdurou durante décadas, e para que resolvese que o 25% das materias escolares se deban impartir obrigatoriamente en castelán.

A resolución da maxistratura ha de cumprirse aínda cando non o pedira ningunha familia desa escola, xa que se trata dunha orde sen matiz ningún. Deberiamos considerar esa resolución como unha resposta do Estado, debido a que é o poder xudicial o que adoptou o rol do poder lexislativo, e queren efectuar pola porta traseira o cambio que non se atreveron a levar a cabo no Congreso de España; coa colaboración de parte da maxistratura disposta a realizar ese cambio. “Se así o decidiu a Xustiza”, así será. Sumamente claro, diafanamente falso...

Saben que as rexións que ocasionan problemas son aquelas nacións con lingua propia: Países Cataláns, Galiza, Euskal Herria, Bretaña, Gales, Quebec..., e que unha vez suprimido o seu piar lingüístico —Escocia e Irlanda poden ser a excepción—, debilítase enormemente a identidade da nación: Illas Canarias, Occitania... En España cada vez é máis a xente que cre que o proceso de autonomía de 1978 chegou demasiado lonxe, e queren iniciar a era suave da recentralización. Que pode resultar máis apropiado para iso que o Tribunal Supremo, grazas ao aspecto imparcial que lle confiren as togas?

Ese é o reto ao que nos enfrontaron, un novo test do Estado, tal e como adoita realizar de cando en cando. A solidez da resposta que lle deamos a ese test condicionará o próximo paso que vaia dar o Estado: canto máis firme sexa a resposta, máis difícil lle resultará continuar pola mesma vía.

O proceso de Catalunya recibiu un grande apoio de Euskal Herria, o maior apoio fóra de Catalunya. Oxalá, María, que tamén agora reciban o apoio dos galegos e os vascos.

Comentarios