Opinión

'Vivir 2 veces'

A comezos de setembro tiven a ocasión de asistir no Festival de Cans á pre-estrea do documental Vivir 2 veces, dirixido polos irmáns Jorge e José Coira e por Gaspar Broullón.

Este filme, gravado entre o 2018 e o 2019, reflicte a figura de Xosé Manuel Beiras como fío condutor dun conxunto de vivencias e conversas que abranguen temporalmente a segunda metade do século XX e o comezo do século XXI até a data de filmación. A personalidade poliédrica do protagonista, ben sexa como político, músico, activista, tradutor, ensaísta ou profesor universitario, fica recollida en máis de 18 horas de gravación que no futuro poderán ser visionadas en aberto para o conxunto da cidadanía, e resumidas maxistralmente nunha película de pouco máis de setenta minutos. Na virtude da síntese proxéctase talvez a faciana máis descoñecida do Beiras, aquela que nos empraza a mergullarnos na súa intimidade máis aló do escenario público e amosa a persoa agochada detrás do personaxe; esa dimensión descoñecida para a maioría dunha figura pública condenada a transcender historicamente por ser única e irrepetible.

A coincidencia quixo que este traballo fose mostrado nun Festival que facía neste 2021 a súa maioría de idade na súa XVIII edición. A parroquia de Cans (O Porriño) foi quen ao longo destes anos de pór en valor os seus veciños e os fogares que estes ceden para a celebración dun evento referencial no universo cultural do país. Proxecto en rede que presenta paralelismos co documental dos Coira financiado integramente coas aportacións individuais de centos de galegas mediante o micro-mecenado. A enerxía que non se vende é aquela que xeramos cando construímos en común.

Vivir 2 veces fala do mito de Sísifo, aquel que experimentou a liberdade cando rematou de empurrar o penedo uns intres antes de comezar de novo. Tamén da saúde mental dun home que foi quen de reconstruírse despois de sentirse derrotado en vida, para seguir a pelexar pola causa xusta do seu país cunha estrela na palabra.

Comentarios