Opinión

Celebración

Asisto ao solpor do verán dende a cancela dun setembro que anuncia a chegada do outono. O inicio do curso escolar e as reincorporacións laborais marcan o ritmo do cotián. Compostela deixa de ser escenario para turistas, regresa a choiva e con ela os atascos. Todo aquilo do que fuximos agarda por nós. –Véselle moreno, doutor, conseguiu descansar algo? –Con dous cativos é difícil pero fun quen de apagar a cabeza, aínda que despois dunha semana de consulta xa nin me lembro. Remato a xornada do venres cunha necesidade e unha misión, ir ver o mar e organizar unha festa sorpresa de aniversario. A miña compañeira de vida inaugura a cuarta década e iso ben merece un encontro coa súa xente querida. Ultimo os preparativos coa escusa dunha camiñada polos sendeiros da costa meca, na compaña dunha brétema ameazante e a visión dun fermoso raposo, que ten a ben mirarme durante uns segundos antes de desaparecer nunha toxeira. Devagar a vila recupera o latexo coa marcha dos veraneantes e os carreiros aos seus habitantes naturais.

Hai uns días recrimineille ao meu fillo o seu comer escaso e a consecuencia que podía ter no seu crecemento, mentres el retrucou: "cada día como un pouquiño, pai, e iso co paso do tempo é moito". Penso na importancia dese gardar aos poucos mentres asisto a un encontro das que se queren. Celebrar de cando en vez a vida cos afectos e as conversas que sosteñen resulta imprescindible para resistir nestes tempos convulsos. Alimentar a "guerrilla da concordia" é o antídoto acaído para todos aqueles que nos queren en soidade, ou como canta Silvana Estrada "brindo por cruzarme en tu camino y así mi voz vuelve a tener sentido".

Remato a fin de semana compensando os excesos nunha carreira coa Moura, sorteando os cons entre o mar e o monte. De súpeto, nunha baixada estreita atopámonos de bruzos cun home armado cun chaleco amarelo e unha escopeta, escena que se repite en cada cruce do camiño, coa banda sonora de ladridos de cans ao fondo. –Que fan, non é tempada de caza! –Estamos nunha batida autorizada do raposo, non se preocupe, non lle vai pasar nada.

Comentarios