Opinión

Turrón e luces

O caso é que falamos moito de Vigo e o tema deu para moita rexouba, mais ao final hai un bo número de concellos que se apuntaron á moda do “alumeado” e montan fastuosos actos de prendido das luces como se dese xeito se resolvesen todos os problemas do mundo. Veña luces! Agora non toca falar da escalada de prezos!

É a nova versión da vella política de pan e circo, á que agora sería mellor denominar de turrón e luces, aínda que, neste caso, o turrón non o repartan os alcaldes e dependa de como estean os ingresos nas casas.

E unha pregúntase de onde lle virá aos humanos esta ansia por prender luces por todas partes, será para contrarrestar a falta de luz natural ou para escorrentar as feras como cando estabamos na caverna?

A cousa évos ben chusca, porque os tales alumeados contan con seareiros e defensores que mesmo lle afean a conduta a quen argumenta racionalmente contra eses fastos. Din eles: a quen lle fan mal as luces? A todo o mundo lle gustan. E non teredes outra cousa que criticar?

Cousas así escoitará quen cuestione, por exemplo, a poda abusiva dunha árbore co obxecto de cargala coas luces. É máis, neste concello que piso mesmo se incumpre a ordenanza municipal de medioambiente para facer do liquidámbar, de naturais cores vermellas por estas datas, o soporte dunha enredadeira de leds encarnados, que xa se sabe que o artificial é máis chic e socialdemócrata.

Así anda o panorama nestas datas de turrón e luces. Tanto ten que as persoas que habitamos neses concellos non teñamos garantidos os servizos básicos, ou os servizos sociais, o caso é ter luces. Moitas luces.

A mensaxe é do melloriño. Coloquemos luces por todas partes. Aínda o outro día nos laiabamos do cambio climático e o quecemento global do planeta, pero estamos en Nadal, esquecede a pedagoxía e dádelle exemplo de consumismo e contaminación ás xeracións futuras! A esas ás que lles están a furtar o futuro.

Veña, máis luces! Ocultemos o resplandor das estrelas. Están lonxe e só serven para soñar.

Comentarios