Opinión

Trauma e tabú

O noso espía persoal, Facebook, lembroume que hai xusto tres anos sentín o mesmo que hoxe me leva a escribir esta columna. Unha certa furia contra os que se negan a falar abertamente de perspectiva feminista (segue a ser un tabú?) no resumo divulgativo dunha película. Pasoume en 2020 vendo ‘The Girl on the Train’, baseada na novela de Paula Hawkins. Daquela, mesmo atopei algún comentario que deostaba a película pola súa “manifesta e recalcitrante natureza de película feminista”.

De novo hoxe, o resumo que lin da película non me fixo albiscar que “Luckiest Girl Alive”  tamén foi concibida con lentes lilás. O británico Mike Barker, o mesmo da serie “O conto da criada”, volveu botar man da literatura. Dunha novela da americana Jessica Knoll baseada na acoso e na violación grupal que sufriu cando estaba no instituto. O trauma calouna durante dezasete anos, como a súa protagonista. Tifani Fanelli (descendente de emigrantes talvez) calou durante anos os abusos que alumnos consentidos de familias ricas perpetraban contra os seus compañeiros. E, por suposto, como foi violada e revitimizada polas persoas máis próximas a ela.

Na entrevista que en 2016 concedeu a La Vanguardia, relata que nin a médica, nin outras persoas da súa contorna valoraron denominar como violación o que lle sucedera. Era o ano 1998. Knoll tiña quince anos.

A diferenza da película, Knoll tivo que convivir dous anos máis cos seus violadores no instituto, persoas que nunca lle pediron perdón.

Unha das imaxes máis reconfortantes da película é cando se nos dan planos de mulleres que len o relato da violación sufrida por Fanelli e reaccionan compartindo as súas propias experiencias. Unha mostra clara do terapéutico e necesario que é contar o sucedido. Para quen tamén sofre experiencias similares e para a propia vítima que, neste caso, mesmo foi quen de se reconciliar consigo mesma.

Non vos deixedes levar pola aparencia de película amábel. Garda no seu interior un relato escuro, contundente, necesario.

Comentarios