Opinión

O significado profundo

Declaraba a maxistrada Paz Filgueira a este xornal, o pasado mércores, que o auto marbellí carece de perspectiva de xénero. E paréceme a mellor síntese posíbel.

Inicialmente ficamos impactadas ante “a afirmación” que provocou un amplo rexeitamento social, mesmo do Parlamento galego e por unanimidade. E non será o miolo da cuestión, mais é a punta do iceberg ideolóxico que aboia entre liñas nese auto. Tamén o mércores, o xornalista Toni Longueira reflexionaba sobre o texto e o contexto do auto e ofrecía datos como a pertenza da xuíza e a avogada do pai á asociación Familia e Dereito. E o caso é que o auto rezuma clasismo e ideoloxía patriarcal, pois é en base á profesión, tipo de contrato e lugar de residencia que se lle atribúe ao pai un “proxecto coherente de vida” que a xuíza estima esencial para o menor.

Por outro lado, cómpre sinalar que a maxistrada mesmo utiliza a Lei para a igualdade efectiva para sumar argumentos a favor do pai, terían isto en mente as lexisladoras cando a redactaron? É ese o espírito da lei? Ou bota man dunha determinada sentenza para interpretar que é “o interese superior do menor”, interpretación en que, ao meu modo de ver, as circunstancias materiais acaban por ter máis peso cás familiares, persoais ou culturais, das que non se volverá falar en todo o auto, en que si se recalca que o neno naceu en Marbella.

Certamente, a lectura do auto é ilustrativa, mais non só polo que pon, como os moitos adxectivos que traducen a subxectividade, senón polo que non resalta ou non recolle. Non deixo de preguntarme por que, ao recoller as mensaxes de whatsapp, soamente recolle as enviadas pola nai, sen darnos a oportunidade de ler as dese pai tan implicado segundo a xuíza. Os medios, axudaron a difundir as máis insultantes, sen saber en que contexto se produciron. Mais hai unha que se me quedou gravada: “suplícoche que non me afogues máis cos temas da custodia” di ela. E eu non podo deixar de pensar no contexto, no contexto que puido dar lugar á súplica.

Comentarios