Opinión

Repensar as Letras

Este 17 volveu o debate sobre a celebración das Letras. Polo inadecuado do seu carácter festivo que, en lugar de favorecer a participación en actividades culturais e de difusión da nosa lingua e literatura, máis ben anima a afastarse buscando uns días de descanso. Por ser un cabodano. Unha condición que nos priva da propia persoa a quen se lle dedica, merecedora de recoller esa homenaxe en vida, gozala na compaña de amizades e lectorado e ver a súa obra difundida, estudada e recoñecida. Por non falar do importante que sería escoitala sen filtro ningún.

Poñamos por caso unhas Letras Galegas con Luísa Villalta viva. Onde estaría ela? Nos actos institucionais ou na manifestación de Queremos Galego? Asistiría á homenaxe do PP? E que diría deste titular: "Rueda destaca o exemplo de Luísa Villalta no uso do galego como elemento de unión na sociedade"? 

Estou botando en falta a súa ironía. 

Ela mesma escribiu un artigo sobre e celebración das Letras, no ano en que lle foron dedicadas ao seu admirado Avilés. Ese artigo que a AELG, en que ela participou activamente, rescatou para reclamar respecto pola memoria das persoas homenaxeadas. A obra de Villalta tampouco serve para calzar mesas e si para levar as contas pendentes. Mágoa que as edicións que dela se fixeron neste ano nos tardasen tanto ou non recollesen toda a súa obra publicada de maneira dispersa. 

Cómpre repensar as Letras. Volver facer o libro galego protagonista, abrindo as librarías, sacándoo á rúa, dedicando partidas orzamentarias a facilitar a súa adquisición (bonos?). Garantir, RAG e Consellaría de Cultura, que a obra das autoras e os autores aos que desexamos (re)ler estea dispoñíbel desde o inicio do ano (existen fórmulas para facelo).

Mais iso implicaría un Goberno da Xunta comprometido coa cultura de noso e non obsesionado con negarse a dar (máis) espazo real á lingua que nos identifica. Un presidente que non invocase o nome de Villalta en van, tentando asimilala ao seu pensamento lingüístico.

Comentarios