Opinión

Potencia cultural

Corea do Sur é noticia por ser un grande exportador de cultura. Xa en 2019 atopamos novas que falan dun incremento do 22,9% da exportación de produtos culturais. Os portais informativos inclúen baixo a etiqueta “cultura”, ademais do que todas e todos entendemos como a música ou o cine e as series, os xogos de ordenador e paquetes turísticos e cosméticos, elementos estes que teñen as súas arestas á hora de ser considerados cultura, ou non.
No caso do cine, segundo recolle a Wikipedia, todo comezou en 1999 coa película Shiri, que popularizou o cine coreano no seu territorio de orixe, onde hoxe, Hollywood non domina o mercado. Interesante.

Como interesante é que a poesía lírica sexa un xénero popular, mais neste caso, non esquezo que en Oriente a importancia da poesía supera con moito a que lle atribuímos en Occidente.

Bruno Pardo fala no ABC de diplomacia branda, unha ferramenta que Corea levaría tres décadas practicando, co obxecto de que os seus produtos culturais se espallen polo mundo. Trataríase dunha decisión gobernamental que, en palabras do ministro de Cultura, estaría a traducirse nunha cifra de negocio duns 110.000 millóns de dólares ao ano.

A pregunta é, como se fai algo así? Por que non imitar a estratexia coreana?

Faise apostando polo propio, invertendo na industria cultural “agresivamente”, di o ministro, “axudando en todo o proceso: desde a planificación e a produción até a distribución e a promoción. Para nós é unha industria nacional estratéxica”. 

Así que non nos estrañará que conten cunha Fundación para Intercambios Culturais Internacionais que, por exemplo, en 2016, buscaba residentes surcoreanos en nove países estranxeiros (Mongolia, Myanmar, India, Filipinas, Venezuela, Chile, Bélxica, Ucraína e República Checa), aos que se lles esixía ser expertos en cultura e que debían elaborar un ou dous informes semanais sobre a cultura coreana nesoutro país. 

Formas de traballar. Por se nos preguntamos como se pode ser unha potencia exportando cultura.

Comentarios