Opinión

Os aplausos

A sección de deportes do Telexornal abre falando de novo do caso Rubiales. Comeza polo comunicado dos presidentes das federacións autonómicas emitido a última hora do luns. Piden a dimisión do actual presidente da RFEF. Por unanimidade. Atentas. Pasan as imaxes da sesión do 25 e fannos reparar nos xestos de Louzán. Fin da nova. Pero non nos mostran que fixo antes, cando Rubiales berraba desde o atril e unha parte do público aplaudía e se erguía do asento. Que acaba de suceder? Pois que os informativos da TVG responderon ao clamor social que demanda a dimisión do presidente da Federación Galega de Fútbol. Despois das únicas declaracións que realizara en que cualificou os feitos de erros que se cometen na vida, saldados cun "xa pediu desculpas", houbo que agardar varios días para que a TVG nos diga como temos que interpretar algunhas imaxes daquela sesión. Fano porque en tres días a Marcha Mundial acadou case tres mil sinaturas individuais e máis de sesenta colectivas, das que varias son de entidades deportivas, esixindo a dimisión de Louzán. Unha petición á que tamén se uniron BNG e PSOE.

Dixo Ana Peleteiro: "O discurso de Rubiales dá medo, mais os aplausos dos presentes aínda máis".

E é que ese discurso de Rubiales, eses aplausos e o silencio até que a FIFA se pronunciou son o problema. Mostran a cara dunha sociedade que aínda tolera e xustifica estes comportamentos. Que mantén e alimenta discursos de odio contra o feminismo. Un odio que se estende polas redes sociais até acadar esa mocidade que tentamos formar, mentres tenta destruírnos desde o anonimato.

E é que casos coma este analízanse coma feitos exclusivamente individuais, cando, se suceden (agredir e alardear da agresión), é porque hai persoas, entidades, institucións con recoñecidas cotas de poder que non os cuestionan e mesmo dubidan das declaracións da vítima, realizando até manipulacións flagrantes.

Está é a sociedade que nos rodea, queda moito por facer e é evidente que non podemos calar nunca.

Comentarios