Opinión

Nova burguesía

Aloita feminista ensínanos que cada unha, cada un, é dono do seu corpo e, por tanto, ninguén ten dereito a dicirlle como ten que vestir. Mais, tamén é certo que o propio feminismo combate roupa e modas que nos cousifican e mesmo atentan contra a nosa saúde. Un fiel de balanza escorregadizo, polo que vou asumir o risco de camiñar. 

O pasado sábado no congreso da CIG, o Secretario comarcal da Coruña afrimou que “a reforma laboral do goberno máis regresivo da historia, seguía vixente grazas ao autoproclamado goberno máis progresista da historia”. Entón veume á cabeza a imaxe coa que os medios ilustraron o acordo entre os membros do goberno do Estado sobre os orzamentos: un presidente impecabelmente traxado e unha ministra de traballo elegantemente vestida. El non levaba os vaqueiros que garda para os discursos ante os militantes e ela ía enriba duns tacos que adoitamos criticar por ser unha moda que se nos impón e acaba por nos producir problemas de saúde. 

O caso é que a vestimenta que ambos os dous locen nesa imaxe simboliza ben o proceso que explica a afirmación escoitada no Congreso da CIG, porque ambos os dous representan a nova burguesía do século XXI, máis preocupados por non desestabilizar o protocolo establecido, ca en dar mostras efectivas e prácticas dunhas diferenzas ideolóxicas que se converten en simple retórica. Así que, neste momento, ler as páxinas de moda pode resultar moi ilustrativo. Desde un presidente do que, xa en 2018 se dicía que non arriscaba e apostaba a cabalo gañador vestindo de color azul prusia, a unha ministra de traballo que por resultar sempre impecábel na elección dos seus deseños, pon de acordo a todos os comentaristas dos medios, desde El Mundo a El Independiente que hai un ano subtitulaba “Cos seus looks ... mostra a responsabilidade que supón o seu cargo no Goberno”. 

Como di Paulo Carril o que cómpre é derrogar a reforma laboral, non dicir que se vai reformar. Mais o goberno do Estado está na moda, o seu é pura retórica. 

Comentarios