Opinión

Nin mexar

Desde que os sucesos da festa da Maruxaina de 2019 volveron ser noticia, xa me pasaron pola cabeza algunhas reaccións posíbeis. 

Por exemplo, botar man da ironía e desenvolver un relato paralelo en que os protagonistas fosen homes filmados sen o seu coñecemento, mentres mexaban contra unha parede esforźandose por non seren vistos, e que logo descubrisen os seus corpos e as súas facianas en páxinas nas que nunca se quixeran ver. Como sería a cousa? Porque, por moito que haxa homes o suficientemente porcos para andar a mexar por calquera lado, non creo que lles fixese chiste vérense cazados por unha cámara a cara descuberta termando do aparato urinario. Tamén sei que a súa morfoloxía reduce o seu grao de exhibición. Eu penso que había de armarse boa.

Mais, non foron homes os cazados no transo de ouriñar.

A outra cousa que se me pasou pola cabeza foi que, xa que nin nos apartando da mellor maneira posíbel fuximos das olladas indiscretas ás que nos van exhibir, tamén podiamos facelo sen recato. Ou sexa, contra as paredes no medio das rúas, coma os homes, ou directamente no medio da alameda. Creo que neste caso aínda se había de armar máis.

Polo que puiden ir lendo neste tempo, pode ser que as cámaras fosen colocadas neses lugares porque xa pasara outros anos? Serían colocadas aí para captar as mulleres mexando e logo denigralas publicamente, como método para erradicar a súa práctica festiva? E chego ao caso. Porque o de mexar nas vías públicas non é novo. O que é novo é que o fagan as mulleres. Ou que sexan gravadas e as súas imaxes aparezan en determinadas páxinas. El sería por seren as mexonas mulleres? 

A miña pregunta só ten de retórica que non vou escribir a resposta, do resto, poñan da súa colleita, que xa saben a onde vou.

Para variar, as que temos dificultades, nisto tamén, somos nosoutras, condenadas a facer longas colas mexonas porque a realidade nunca se adapta ás nosas necesidades. 

En todo caso, desculpade o sarcasmo, é para non mancarme de indignación.

Comentarios