Opinión

Mocidade e traballo

H ai uns días acudín á presentación do primeiro libro dunha poeta nova, que conta cunha dilatada traxectoria no ámbito da oralidade. Nun momento do acto, falou da súa situación laboral, un difícil equilibrio entre o desexo de tentar que a produción de arte reciba un recoñecemento que tamén sexa retributivo e a dificultade de calquera autónomo para cobrar as facturas ao día. Ou comprobar como os soños que foi alimentando desde nena van golpeándose contra atrancos innumerábeis que, neste presente que lle toca vivir, son a evidencia dunha situación crítica para a mocidade. Ela, coma outras mozas e mozos, seguro que acaba sobrevivindo grazas ao apoio paterno, engrosando esa cifra escura que tenta traducir a imposibilidade que teñen para emanciparse e crear as súas propias vidas.
Segundo o Informe Juventud en España 2020 publicado polo Ministerio de Asuntos Sociais, "en 2019 España situábase entre os países da Unión Europea con maior paro xuvenil... só superado por Grecia". E engade que esta situación non permitiu que houbese recuperación do impacto negativo que xa supuxera a crise de 2008. O informe segue dicindo que, deste xeito, se cronificou a precariedade e que esta afecta máis ás mozas que aos mozos.

Certamente un panorama que nos debe preocupar ao conxunto da sociedade, porque non só falamos do futuro das nosas fillas e fillos, para os que desexamos unha vida coma a nosa, cando menos, senón do noso futuro mesmo, sostido nun sistema de pensións que se alicerza na existencia de persoas asalariadas de menor idade (e isto dito no noso país, que é un dos que conta con menos poboación moza).

Pois ben. Esta semana aprobouse no Congreso dos Deputados outra reforma laboral que, malia invocar nas súas disposicións xerais a finalidade de reducir o paro xuvenil, non só non derruba un dos seus piares centrais, senón que acaba de reforzalo co beneplácito da "esquerda" española. Falamos da facilidade do despedimento, xusto a pedra en que se sostén a inestabilidade laboral.

Comentarios