Opinión

Dereito ao traballo

Leo nas redes sociais o chío da ministra de traballo no que fai público que é positiva en Covid e remata dicindo que vai traballar desde a casa. Como? Ser positivo en Covid implica estarmos de baixa médica e, nesta situación, a persoa non debe traballar, son situacións incompatíbeis. Podería ser que a persoa afectada non estivese de baixa, daquela poderá traballar. Mais defendemos iso? E tamén, podemos aceptar que estar de baixa médica sexa compatíbel con traballar? Sei que unha ministra non vai ter substituto, e que pode ter tarefas inaprazábeis... Mais ante todo é a máxima autoridade neste ámbito, e non soa nada ben que diga que vai traballar estando enferma. Non é o mellor exemplo.

A min lembroume outra ministra, Sáez de Santamaría, que, no seu día, nin sequera cumpriu as seis semanas obrigatorias tras o parto. Non serán igualmente criticábeis as dúas situacións, mais son dous pésimos exemplos para o ámbito laboral.
Dar exemplo non é unha cuestión menor, sobre todo cando se realizan labores como a política. Importa o que dicimos, e non contradicirnos co que facemos.

Mais vivimos nun capitalismo de tolos en que impera a produción e non o dereito ao traballo. Así que, mentres os máis novos teñen inxentes dificultades para instalarse no mundo laboral, os gobernos aumentan a idade da xubilación obrigatoria, impedindo que a reposición sexa un mecanismo de incorporación para os máis novos. E aínda hai quen reclama que a continuidade no posto de traballo, naquelas profesións que teñen regulada unha prexubilación, sexa premiada economicamente. Se non fose todo tan fedorentamente capitalista, diriamos que este é o mundo ao revés.

O presidente do Estado laiábase estes días de que despois de 44 anos de Constitución non houbese lei de vivenda. E que pasa co dereito ao traballo (que tamén é un deber), que é o piar básico da vida das persoas?

Moito enarborar a Constitución cando lles interesa, mais pouco seguimento, e moi malos exemplos, cando das cousas de comer falamos.

Comentarios