Opinión

Corenta anos de que?

Hai corenta anos estaba rematando 3º de BUP. Estudaba nun vello centro vigués, en que entrei ao mesmo tempo que se implantaba a materia de lingua galega, no curso 80-81. Os meus primeiros profes de galego fixeron fronte a unha situación algo improvisada, porque comezamos sen todo o persoal necesario e os materiais tardaron. Mais estar sentadas de tres en tres onde tiña que haber dúas persoas e escoitar o Rosalinda de Fausto mentres non chegaba aquel libro branco que semellaba forrado con papel de caderno, escrito en mínimos, Língua, está para min entre as miñas mellores lembranzas.

A adolescente que fun asistiu emocionada á nova materia e atopouse a si mesma alí, enfrontada a quen non quería recibir aulas en galego, desexando que lle ofrecesen actividades complementarias na nosa lingua coma representar Os vellos non deben de namorarse. Non me chegaban as novas do debate da Lei de Normalización Lingüística, aprobada por unanimidade no Parlamento galego, por tanto co voto favorábel do partido do que ía ser presidente da Xunta, anteriormente ministro de Franco, quen, na altura, fixo ostentación de que a súa non era a lingua dos "pedantes de turno", negándolle ao noso idioma o cceso ao nivel culto, ou que o galego "nunca fue idioma para hacer leyes". Non lembro se alguén me falou de que catro meses despois García-Sabell, como Delegado do Goberno do PSOE en Galiza (aquel PSOE do cambio de Felipe González que arrasou en 1982 e que catro meses atrás votara a favor da Lei no Parlamento galego) denunciou a Lei no Tribunal Constitucional, instituíndo por vía xurídica a desigualdade efectiva do noso idioma fronte ao que non deixan de nos impoñer desde hai cinco séculos.

Naceu cativa, mais nin cativa foi debidamente aplicada. E hoxe queren festexar as súas eivas, facelas pasar por logros, negar o evidente, que nunca creron nela e que, fieis aos espírito do exministro franquista Fraga Iribarne, frustraron a utilidade que unha verdadeira Lei de Normalización debería de ter.

Comentarios