Opinión

Amolando

Ouso de pseudónimos obedeceu historicamente á necesidade de ocultar a autoría real polas consecuencias sociais de rexeitamento ou mesmo persecución contra as persoas escritoras. Así as mulleres que tiveron que se ocultar tras nomes masculinos para facer pública a súa obra. Algún caso existe en dirección inversa, o de Mohamed Moulessehoul, que usou o nome de Jashmina Khadra para protexer a súa identidade, sendo aínda membro do exército de Alxeria. Di que o mantivo como homenaxe ás mulleres árabes, amplamente retratadas na súa obra.

Días atrás, o premio Planeta fíxose oco na prensa dando a coñecer a verdadeira identidade da lida e aclamada Carmen Mola, creando para todos unha nova modalidade de pseudónimo, a que obedece exclusivamente a unha motivación publicitaria, na procura do máximo lucro económico para o aparato editorial máis mercantilizado, que nos ofrece a nós, as mulleres, as lectoras maioritarias, un produto que, para alén da súa capacidade de enganche ou calidade, para amarrar, xoga cos nosos sentimentos e expectativas. Le, que esta escritora é traballadora coma ti, nai con dobre xornada coma ti. Aínda que, ao tempo, envíanos a mensaxe de que se pode ser unha muller destacada sen facer ruído, sendo sabedoras de que ese mundo non é para nós. Unha de cal e outra de area. Coma no maltrato.

A caverna machista suma este caso ao argumentario co que defende que as mulleres xa acadamos a igualdade plena e estamos nunha nova fase de imposición dos nosos criterios e ideas, pecando por exceso e eliminando os homes de todas as esferas da vida. 

Cóntase que na poesía galega, houbo quen se presentou a un certame con nome de muller porque nosoutras estabamos a acaparalo todo. Foi accésit. O caso é que a tal muller soamente publicou ese título. Quen era el? Polo que sei, o que cando me incorporei ao Consello Directivo da AELG e propuxen que nos nomeásemos escritoras e escritores contestou a miña intervención cun“vaia forma de comezar na directiva da AELG” (sic).

Comentarios