Opinión

A asistenta

Non son das que se botan para atrás ante unha mala crírica. Ao contrario. Foi o que me pasou con “Maid (A asistenta)”. Primeiro lin unha opinión que me deixou desconcertada polo seu propio contido. É certo que o autor advertía de que tiña prexuízos e recoñecía que a serie está inspirada nun libro autobiográfico. Mais concluír que é a mirada dos señoritos sobre a pobreza, non me parece nin atinado, nin xusto. Noutras críticas sinálase que a serie se afasta do texto en que se basea, adoita suceder. En todo caso, parece que a autora de “Maid” non rexeita totalmente esas modificacións, pois, no seu Instagram, declara que lle gustaría que na súa vida tivese aparecido algunha das personaxes creadas na serie, como a amiga que fai na casa de acollida.

Stephanie Land, a autora da novela, defínea como un retrato da pobreza. E nós, xa sabemos que a pobreza ten nome de muller. Mais hai outros aspectos importantes, as deficiencias dos servizos sociais e, sobre todo, a problemática identificación da violencia psicolóxica, esa que non deixa morados nin feridas á vista, mais que acaba por lanzarnos nun pozo do que non sabemos saír. Semella importante para Land mostrar esta violencia que, tal e como di, “destrúe a autoestima dunha persoa para que sexa aínda máis controlábel. E ninguén ve as evidencias. Ninguén a cre.” Ás veces nin a propia vítima é quen de ver que “está en perigo”. 

Penso que é unha serie necesaria. Imperfecta? Pode ser. A moitas persoas cáusalles unha dor profunda, porque é real, no ritmo, no ton, nas contradicións e no retrato doutras cousificacións que coloca ante nós sen valoralas, e que, coido eu, non ten que significar que estea a inculcarnos unha posición favorábel, por exemplo, aos ventres de alugueiro.

En todo caso, eu quero chamar a atención sobre a personaxe da nai. Sobre o retrato de tres xeracións que comparten pobreza, violencia, trauma, e unha ansia radical de eliminar a violencia da vida das fillas, xeración a xeración, avanzando penosamente para vencer.

Comentarios