Opinión

Teoloxía feminista. Azos para o empoderamento

A finais do século XIX, en Estado Unidos, 26 mulleres sufraxistas, encabezadas por Elizabeth Cady Stanton e Lucrecia Mott, cuestionaron a negación dos dereitos das mulleres usando a Biblia como ferramenta. Nacen así os dous volumes da Biblia das mulleres (1895 e 1898), nos que seleccionan e comentan pasaxes da Escritura que defenden a igualdade. Elas foron o inicio da eséxese feminista, da teoloxía feminista.

En 1965 a Constitución Dogmática Dei Verbum (Concilio Vaticano II) afirma que é moi necesario o estudo e a investigación para formar crentes non crédulos. Ao abeiro do Concilio, saen á luz as diferentes teoloxías feministas, nun traballo de deconstrución teolóxica concienzudo e sistemático que recolle a teóloga brasileira Ivone Gebara, en Teología en ritmo de mulher (São Paulo, 1994).

A hermenéutica é unha maneira de ser, de relacionar e comprender co que poder achegarnos ás mulleres da tradición bíblica e cristiá, desvelando as súas esperanzas, as súas dores... na procura dun rostro novo de Deus. Isto nos leva a un proceso de descontextualización e recontextualización da teoloxía no que abrolla unha nova forma de entender a Deus. A lectura feminista da Teoloxía esixe modificar a imaxe, mesmo a experiencia que temos de Deus. Non se trata de poñer remendos, de falar do “lado feminino” de Deus, senón de cuestionar o esquema filosófico de comprensión que usamos para achegarnos a el, buscando novos marcos que nos revelen, de maneira máis certeira, o Misterio, á Transcendencia.

Ben o expresa a teóloga Elisabeth Johnson en La Búsqueda del Dios Vivo (Nova York 2007, Santander, 2008): “Esta receita de «engadir mulleres e remexer» non dá máis que problemas ulteriores cando as mulleres prescinden dos seus talentos propios para tratar de encaixar nun mundo definido masculinamente. A estrutura completa da Igrexa e da sociedade ten, pola contra, que transformarse para dar cabida a unha nova comunidade de cooperación mutua. O obxectivo é unha nova xustiza”.

A maneira feminista de entender a Deus lévanos a unha nova comprensión do mundo simbólico cristián. Os símbolos non son unha realidade á marxe da historia. Superando o patriarcado, é posible  e necesario ler os relatos e símbolos dende a igualdade, facéndonos conscientes de que a mediación entre o divino e o humano ten sido feita por varóns en marcos históricos concretos, e que arrastra rexoubas patriarcais nas súas reflexións e teoloxías. Se Deus nos quere libres e iguais, non podemos permitir a desigualdade nas interpretacións.

Pero a Teoloxía feminista non é un xogo de salón, e aínda que nace en sociedades burguesas brancas, hoxe atravesa todas as culturas. Tanto o cristianismo como o feminismo viñeron para quedar, e están no mundo para cambiar a realidade. A hermenéutica feminista é unha hermenéutica ética, que cambia a prioridade do masculino pola igualdade, a exclusión xerárquica pola integración das diferenzas, a afirmación absoluta da lei (pureza-impureza) pola afirmación absoluta da vida en todos os seus matices. Conecta plenamente co espírito evanxélico de xustiza e igualdade da máis xenuína tradición cristiá. Neste sentido, a hermenéutica feminista capta a interdependencia de todo con todo adoptando unha ética que non se pecha en si mesma, senón que adopta unha postura contemplativa, aberta á Trascendencia, que afondan na interioridade, aberta tamén a todas as opcións relixiosas, en diálogo interrelixioso feminista.

No campos da teoloxía bíblica, Elisabeth Schüssler Fiorenza propón a hermenéutica da sospeita: “Non podemos acudir á Biblia con respecto e obediencia, senón con sospeita, coa cautela necesaria para non permitirnos asumir textos opresivos para as mulleres, desenmascarando as súas funcións ideolóxicas e as interpretacións ferintes para as mulleres” (En Memoria de Ella, Nova Iork 1987, Bilbao 1989). Nesta mesma liña, Rosemary Radford Ruether afirma: “Todo canto nega, empequenece ou distorsiona a plena humanidade das mulleres non é redentor (non pode vir de Deus); Todo o que promove a plena humanidade das mulleres ven do Santo, ven de Deus”.

Pois que así sexa!

Comentarios