Opinión

Vender óvulos

Nos anos 70 do século pasado cando os estudantes da Universidade de Santiago de Compostela andaban no último furado da chavella, ou cando necesitaban uns cartos extra vendían o seu sangue. Chamábano "ir ao vampiro". Na Facultade de Medicina, entrando a man esquerda, estaba a sala onde un sanitario –enfermeiro ou talvez médico–extraía medio litro de sangue, polo que pagaba 300 pesetas, algo menos de dous euros, mais que equivale a uns 200 en capacidade adquisitiva. Supoño que a xente nova que le esta columna exclamará arrepiada: Bárbaro costume! Como podían permitirse estas prácticas?

En 1985 prohíbese vender sangue, decretando que a doazón só podía ter carácter altruísta. De igual modo, a lei que desde 1979 regula os transplantes –cuestión na que España e pioneira– prohibe a venda de órganos.

Non se comprende entón como España, segundo un recente informe da Sociedade Europea de Reprodución Humana, é o maior exportador de óvulos de Europa, chegando ao 45% dos tratamentos con óvulos doados. Trátase dun negocio moi lucrativo para as empresas que pagan arredor de mil euros á muller doante, cobran varios miles ás que queren someterse a tratamentos de fertilidade, e venden óvulos a outros países con regulacións máis serias. Todo está baseado nunha gran farsa, a do "altruísmo", os cartos non poden chamarse pago, senón "compensación polas molestias". Mais as mulleres que doan, como as que alugan o seu ventre, non o fan por solidariedade con descoñecidas senón por necesidade. Hai unha grande diferenza entre doar espermatozoides –uns minutos no cuarto de baño– e doar óvulos, que require tratamentos hormonais que poden ter consecuencias na saúde.

Como os bancos de sangue ou os de transplantes, os de gametos deberían ser públicos. Se non se pode vender un ollo, un pulmón, un ril, tampouco debería permitirse vender óvulos. Cuestión de ética e de dignidade humana.

Comentarios