Opinión

Politicamente correcta

Non é a primeira vez que escribo sobre isto, mais as ladaíñas continúan: É un ataque á miña liberdade de expresión! Que pretenden, cancelarme? Escoitámolas unha e outra vez. Lemos artigos publicados –sobre todo– por autores varóns, brancos, heterosexuais en medios de alta difusión, autores de obras moi visíbeis, que se laian da súa suposta “cancelación”.

Nestes días, a causa da mobilización social prendida polas xogadoras da selección feminina de fútbol, os agravios diríxense contra as feministas, contra un feminismo que consideran “ameazante” porque vamos “demasiado lonxe”. A ver se non vou poder dicirlle un piropo a unha moza! Nin sequera podo darlle un belisquiño, unha cariñosa fanequiña no cu?

A noción de corrección política é un relato inventado pola dereita estadounidense como reacción a movementos a prol da igualdade na cultura e nas universidades dese país. Estes movementos non trataban tanto de pasar pola trituradora os contos populares, caricatura que nos queren facer crer –houbo esaxeracións, si– como de reivindicar o dereito das persoas afroamericanas a estudar e ensinar na universidade, das pintoras e escultoras a ser expostas nos museos, analizadas nos libros.

A exposición das activistas Guerrilla Girls no CGAC de Santiago de Compostela nesta primavera emprega a retranca para denunciar as discriminacións: “Precisan as mulleres estar núas para ser expostas nos museos?”, mostrando a lentitude dos cambios desde a súa creación en 1985. Na literatura galega o retrouso “agora hai que ser muller para publicar” é desmentido polos datos: en 2022 a editorial galega que publica máis ficción editou 22 novelas ou volumes de relatos, 16 de homes e 5 de mulleres.

O que queren dicir ao afirmar estar en contra da corrección política é que pretenden conservar os seus privilexios de clase ou patriarcais. Queren seguir facendo burla dos débiles. Acabouse!

Comentarios