Opinión

O mar e a cobiza

O mar é o corazón de Galicia, as agresións ao mar sentímolas como unha coitelada no corazón. Do traballo no mar viven mariñeiros, mariscadoras, traballadoras da conserva, pescantinas, e o mar é aínda máis: paisaxe, imaxinario colectivo, forza que moldea a costa, horizonte. Polo mar marcharon navegantes explorar outras terras, emigrantes procurando unha vida mellor para os que o mar foi o cordón umbilical que os mantiña unidos a Galicia.

Hai vinte e un anos Galicia berrou 'Nunca máis' ao contemplar o mar agochado baixo a negrume. A ameaza nestes días é máis insidiosa, non ten cor negra senón branca e ás veces chega tan espallada polos areais que é difícil de enxergar. Porén esas boliñas, pélets ou granulados son o síntoma dunha doenza que fai enfermar o mar galego e todos os mares do mundo, pois son todos un. E á fin, chapapote e granulados teñen a mesma orixe, pois o 90% destes fabrícanse a partir do petróleo.

O mar non é un grande sumidoiro onde desfacerse dos refugallos producidos polos seres humanos. Moito menos unha cloaca. De rutas míticas polas que navegaban goletas coas velas despregadas mudou nunha arañeira de canles de baixo prezo pola que circulan mercancías perigosas en navíos medio avariados. Pois os vertidos, sexan de chapapote ou de grans plásticos, teñen a mesma orixe: a cobiza. En 2002 o Prestige era un barco que debería estar retirado. En 2024 se producirán 460 millóns de toneladas de plástico e, como noutros anos, seis millóns irán parar aos ríos e dous ao mar. Só en Europa pérdense no transporte 165.000 toneladas de pélets ao ano.

Os granulados cos que se elaboran mil e un obxectos, case a metade envases de usar e tirar, viaxan polo mar en contedores amoreados en equilibrios inverosímiles. Transportalos en mellores condicións sería posíbel, se non o impedise, ai! a cobiza. Reducir a cantidade de plástico é urxente se amamos o mar.

Comentarios