Opinión

'O corno', o corpo

Alingua galega vale para todo, ensinar matemáticas ou física cuántica, dar bicos (con lingua), facer o amor, cantar, escavar campamentos da guerrilla, escribir poemas como Yolanda Castaño en Materia, e acadar o premio nacional, mariscar, intervir no Congreso, rodar películas –O que arde, Cuñados, Nación ou Matria– e máis. O corno, de Jaione Camborda, é o primeiro filme galego –o primeiro nunha lingua distinta do castelán en 71 edicións– recoñecido coa Cuncha de Ouro en San Sebastián, ao tempo que o primeiro obra dunha directora do Estado español. Considero a Jaione Camborda unha directora galega, por vivir aquí e por desenvolver os seus filmes en Galicia –e en galego–, malia nacer en Donostia.

Traio aquí O corno, que tiven a fortuna de ver antes da estrea, non polo premio ou non só. O corno fala dos corpos das mulleres, dos nosos corpos, dos atrancos para seren donas deles, contemplados desde unha ollada feminista. As experiencias físicas das mulleres estiveron ausentes da literatura, do cine; o primeiro parto da literatura en castelán é o de Amparo en La Tribuna, de Emilia Pardo Bazán; a ela debemos tamén as primeiras escenas de mulleres aleitando, o que suscitou duras críticas. O aborto constitúe un tabú en maior medida, a lei española só o despenalizou parcialmente en 1985, dez anos despois da morte de Franco. En pouco tempo coinciden en Galicia o filme de Jaione Camborda, a novela Os seres queridos, de Berta Dávila, As malas mulleres, da miña autoría. Pódese falar de abortos, de mulleres que ían ao cárcere ou tiñan que fuxir por cooperar neles. O corno, como Retrato dunha muller en labaradas de Céline Sciamma, atende á sororidade, ás redes entre mulleres, termando unhas doutras en situacións difíciles. Faino cunha estrutura redundante, na que a protagonista, magnífica Janet Novás, encóntrase dunha banda e doutra da acción. Emoción, beleza: O corno.

Comentarios