Opinión

Nove limiares

"Nós somos parte da terra e a terra é parte de nós". A carta do xefe Seattle é a lembranza transcrita dun discurso que dirixiu en 1855 ao presidente dos Estados Unidos que pretendía mercar a terra dos Suquamish. Empregada por moitas persoas que demos aulas de ciencias ou de educación ambiental, foi considerada unha reconstrución romántica sen relación documentada coas palabras de Seattle. Porén, recentes interpretacións dos contactos entre os nativos de Canadá e Norteamérica e os colonizadores europeos no século XVII, apuntan a críticas dos indíxenas ao modo de vida europeo que, na miña opinión, coinciden coas ideas da carta. Un exemplo é o estadista Kondiaronk, do pobo Wyandot (antes chamados "huróns"). 

A medida que pasan os anos, máis razón temos que dar á idea de que somos parte da Terra. Un estudo publicado o 31 de maio na revista Nature argumenta que cómpre recoñecer a interdependencia entre a estabilidade do sistema Terra e o benestar humano, adoito tratados por separado. Os autores e autoras, encabezados por Johan Rockström, propoñen nove limiares (ESB, siglas de Earth System Boundaries) que non deben superarse para que a Terra sexa segura e xusta. Cómpre subliñar a introdución no modelo da xustiza, necesaria porque os efectos do deterioro ambiental repercuten máis en países e comunidades menos responsábeis del. Sete dos nove xa foron superados, así o aumento global da temperatura, proposto polo acordo de París en 1,5º e que o estudo revisa a 1º, porque o anterior sometería a máis de 200 millóns de persoas, as máis pobres e vulnerábeis, a situacións insoportábeis. O incremento é xa do 1,2º. A extracción de auga dos acuíferos non debería superar a recarga natural, mais isto non é así no 47% da Terra. Se hai vontade pode haber recuperación, un exemplo é o furado na capa de ozono. "O ser humano non teceu a rede da vida: é só un fío dela".
 

Comentarios