Opinión

Mulleres valentes: facer visíbel o invisíbel

Son infinitamente máis valentes as mulleres que se enfrontan á vergoña que os milhomes de pacotilla. Son máis afoutas as que denuncian os seus maltratadores, as que se atreven a facer público que foron sometidas a acoso sexual, violadas, maltraídas, obrigadas a exercer a prostitución.

A ideoloxía patriarcal impregna de tal modo as nosas accións que durante décadas –aínda hoxe– empeñouse en facer recaer nas vítimas a culpa, nas mulleres a vergoña cando o seu home batía nelas, cando o xefe as apalpaba, cando eran atacadas ao ir soas, cando eran violadas. Todo conxuraba –conxura– en contra das mulleres, desde a Biblia, que castigaba unha rapaza violada se os seus berros de auxilio non eran oídos, que propoñía entregala en matrimonio ao seu violador; desde a mitoloxía na que os deuses forzaban as mulleres, mais o castigo recaía nelas que eran transformadas en animais, como nas Metamorfoses; desde as leis que establecían que se unha muller violada ficaba preñada era por gozar.

Certo que aínda temos moito que avanzar, o número de mulleres asasinadas pola violencia machista, en Galicia 66 desde que hai rexistros, non pode seguir sumando mortas. O 15 de setembro a panadeira Mónica Marco foi asasinada na Coruña, e como sociedade non podemos permitilo, querémonos vivas. Mais non hai dúbida sobre o acadado nos últimos anos, na lexislación e na rúa. Leis como a de 2004 de protección contra a violencia de xénero, o acordo unánime do Parlamento de Galicia sobre o acoso dixital, son importantes, e sobre todo cómpre celebrar o modo en que o feminismo está situándose no centro dos debates sociais. Especialmente o modo en que moitas rapazas, e cada vez máis rapaces novos se declaran feministas.

As mudanzas nas representacións sociais sobre o maltrato e o acoso débense en grande medida ás mulleres que se atreveron a denuncialos, que fixeron visíbel o que até entón era un crime invisíbel. Grazas a Ana Orantes, que en 1997 denunciou na televisión a violencia do seu ex-marido, e o pagou coa súa vida. A súa denuncia marcou un punto de non retorno na forma en que a sociedade contempla os mullericidios. Grazas a Lolita Watson, que denunciou os abusos, cando tiña dez anos, do ex-director do Colexio Labor de Vigo, Sergio S. C.; causa arquivada este mes por haber prescrito. Grazas á moza violada pola manada en Pamplona, que soportou un calvario xudicial, pola súa afouteza. Grazas a todas elas por abrir camiños.

Comentarios