Opinión

'Matria': as invisíbeis

Ainvisibilidade, ao contrario do que adoita pensarse, non é unha cualidade do ser ou do obxecto. É a ollada a que converte unha persoa, un acontecemento, unha historia, en visíbel ou invisíbel.

Invisíbeis: as mulleres que limpan nas fábricas da conserva, nos hoteis, nas estacións de tren, nas casas. A cambio dun salario miserábel, sen dereitos, sen estar dadas de alta na seguridade social, sendo tratadas como menores de idade: "ides cobrar algo menos, mais por pouco tempo", ou simplemente con arrogancia: "é o que hai, se non o queres teño un cento que o collerán". Aínda máis invisíbeis as que cargan con todo o traballo doméstico, desde coidar das criaturas a cociñar, desde limpar os baños a ocuparse de que non falte o leite. Dobremente invisíbeis porque adoitan combinar o traballo (sen remunerar) dentro e (mal remunerado) fóra da casa.

Desapercibidas na vida real, no que adoito hai quen actúa como se casas e fábricas se limpasen soas, recibiron até agora escasa atención na literatura e no cine. Mesmo novelas ou películas narraban as vidas dos obreiros, ignorando a existencia das obreiras. Matria, de Álvaro Gago, creba esa invisibilidade, ilumina as vidas das mulleres que, como a súa Ramona –emocionante interpretación de María Vázquez– sobreviven na corda frouxa entre traballos precarios, parellas que as maltraen, e unha sociedade que non mira ben as mulleres rabudas que reivindican os seus dereitos.

A Ramona de Matria é unha muller real, non santificada, sofre mais tamén goza embebedándose coas amizades; escena por certo na que ten un pequeno papel Francisca Iglesias, a muller na que está inspirada a protagonista. A fala das Rías Baixas, da costa toda, cos seus seseos e gheadas, coas peculiares declinacións verbais como "acabín", diferentes das estándar, engaioloume. 

Grazas, Álvaro Gago, por esta fermosa historia, por facer visíbel o que era invisíbel.

Comentarios